O Concello de Bueu izou a Bandeira Azul na praia de Portomaior
- O Concello de Bueu xa conta co servizo de socorrismo nos cinco areais de Bandeira Azul: Banda do Río, Lapamán, Portomaior, Lagos e Area de Bon
Félix Juncal, alcalde de Bueu, Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, e Isabel Quintás, tenente de alcalde, participaron no acto simbólico de izado de Bandeiras Azuis que tivo lugar este venres ao mediodía no areal de Portomaior e no que tamén estiveron os socorristas. O municipio bueués mantén para este verán as cinco bandeiras azuis nas praias da Banda do Río, Area de Bon, Portomaior, Lagos e Lapamán, das que ADEAC valorou a calidade das augas, a información e educación ambiental, a seguridade, os servizos e as instalacións. Ademais, a vila morracense consegue por primeira vez o distintivo de centro azul para o Estaleiro de Purro (Banda do Río), e mantén o do sendeiro de Cabo Udra e a Aula da Natureza deste espazo, así como para o Centro de Interpretación de Agrelo, inaugurado a finais de 2015 tras ser rehabilitado polo goberno municipal.
A concelleira de promoción económica e a brigada de obras e servizos estiveron traballando nas semanas previas co fin de poñer a punto todos os servizos nas praias previos ao izado das bandeiras.
O servizo de socorrismo comezou a funcionar xa nos cinco areais de bandeira azul logo do remate do proceso de licitación. Ademais, as brigadas levaron a cabo os traballos de roza dos accesos e a limpeza, e tamén se renovaron todas as casetas de madeira e as pasarelas de acceso, así como a colocación do balizamento.