O Concello de Bueu instala un rego automático no espazo multiusos da Estacada
- O custe da actuación estímase en preto de 8.000 euros, e con ela o goberno local agarda mellorar este lugar no que se celebran moitas e variadas actividades
Félix Juncal, alcalde de Bueu e encargado da área de obras e servizos, visitou este venres as obras que comezou a brigada de fontanería e xardinería do Concello de Bueu no espazo multiusos da Estacada, onde se instalará un rego automático. Esta actuación, na que o goberno local estima o investimento de preto de 8.000 euros, permitirá mellorar notablemente un lugar moi utilizado pola cidadanía e que acolle eventos culturais e deportivos, como o Festival Son Rías Baixas, a Festa do Polbo, ou os campionatos de cachiza e drons, entre outros.
Juncal salienta que estes regos automáticos “completan a sementeira de herba que se levou a cabo nos últimos anos e que permitirá o seu mantemento de cara a novos usos”. O obxectivo do Concello é, pois, dotar dos servizos necesarios todas as instalacións de cara ao seu goce por parte da cidadanía nas mellores condicións. Este é o caso da Estacada, un lugar cedido ao Concello polo Cuarteirón Massó, e que se atopa nun lugar privilexiado: céntrico e rodeado de natureza coa senda do río Bispo.
Así mesmo, o rexedor mostra a satisfacción polo Plan de Emprego deste ano, que permite ver os resultados do traballo, polo que previsiblemente se prevé un incremento de persoas contratadas no marco deste plan para o 2021. A finalidade será continuar coa liña de mellora dos espazos públicos e do patrimonio municipal, como xardíns, fontes, lavadoiros ou camiños, cun especial fincapé no rural.