O Concello de Bueu insiste na mala xestión da vespa velutina por parte da Xunta de Galicia
-
O alcalde de Bueu entregou esta mañá na Delegación da Xunta en Pontevedra un escrito e varias instancias de veciños e veciñas alertando desta problemática socio-ambiental
O alcalde de Bueu, Félix Juncal, entregou esta mañá na Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra, un oficio no que se alerta da mala xestión da vespa velutina por parte do ente autonómico. Así, xunto ao escrito, acompáñanse varias instancias de veciños e veciñas alertando deste problema.
O Concello solicita que por parte da Consellería de Medio Rural se asuman as competencias en materia de retirada da vespa velutina e se comprometa unha loita máis eficaz contra esta problemática socio-ambiental. Así mesmo, incídese en que a Xunta debería levar a cabo unha campaña máis incisiva e global, e realizar unha xestión máis eficiente dadas as dimensións desta lacra.
Como antecedentes, tal e como se recolle no escrito da alcaldía, é preciso lembrar que na vila de Bueu no 2014 a retirada dos niños era realizada por parte da administración autonómica ata que o Concello asinou o Convenio de Concello Colaborador, polo cal se se proporcionaron traxes e unha pértega para a retirada dos niños (a cal en moitos dos casos non chegaba e tíñase que utilizar a dos Concellos limítrofes). Dita retirada realizábase mediante ese convenio en colaboración cos membros de AGA – Morrazo, pero dado que este ano estes voluntarios rexeitaron seguir a realizar estes traballos de forma voluntaria coa colaboración económica e medios do Concello, o Concello deuse de baixa como colaborador, polo que este verán a Xunta tivo que asumir de novo a retirada.
É preciso detallar que o Concello asumiu cos recursos propios unha campaña de trampeo na que se repartiron 125 trampas co seu líquido correspondente e realizáronse diferentes charlas nas aldeas e parroquias para informar desta problemática socio – ambiental e implicar á cidadanía na prevención e loita.
Así mesmo, a nivel comarcal, traballouse na coordinación cos concellos de Cangas, Moaña ou Vilaboa chegando a ter unha reunión na Delegación da Xunta en Pontevedra reclamando máis implicación e colaboración por parte da administración autonómica, que é a que conta con medios humanos e económicos.