O Concello de Bueu iniciou os obradoiros do ‘Concilia Bueu’

  • No programa participan máis de setenta nenas e nenos que aprenderán sobre artes plásticas e patrimonio cultural de Bueu durante os meses de xullo e agosto

O Concello de Bueu iniciou este mércores, 1 de xullo, os campamentos do programa ‘Concilia Bueu’, unha iniciativa na que participarán máis de setenta nenas e nenos de 3 a 12 anos durante os meses de xullo e agosto. A rapazada gozará de dous obradoiros que se desenvolverán ao longo de todo o verán en diversos grupos e que tratarán sobre artes plásticas e patrimonio cultural de Bueu.

Macu Rodríguez, concelleira de benestar social, participou esta mañá na inauguración deste programa social que ten por obxectivos favorecer a conciliación laboral e familiar, e ofrecer unha alternativa de lecer para as pequenas e pequenos que estiveron tanto tempo nas casas debido ao confinamento domiciliario decretado en marzo pola Covid-19. Por iso, e como medida excepcional, o programa será de balde para as familias, asumindo o Concello a totalidade do custe do mesmo.

Así mesmo, o Concello garantirá a seguridade e hixiene nos dous obradoiros. Así, as nenas e nenos participantes dividiranse en grupos de nove persoas que se distribuirán entre certos espazos do CEIP A Pedra e do IES Johán Carballeira.