O Concello de Bueu inicia o programa ‘Manténdonos en forma’ no que participan máis de duascentas persoas

  • Aínda quedan prazas para o grupo dos martes e venres ás 12.00 horas, polo que as persoas interesadas poden inscribirse nas instalacións da piscina

Máis de duascentas persoas participan dende comezos deste mes no programa ‘Manténdonos en forma’, que se celebra nas salas polivalentes da piscina municipal das Lagoas e cuxo obxectivo é fomentar hábitos deportivos e saudables entre a cidadanía. Ricardo Verde, concelleiro de deportes, salienta o gran éxito desta actividade que se insire no proxecto ‘Bueu Saudable’, o que demostra a necesidade social de realizar deporte despois dun ano tan complicado debido á Covid-19.

As clases de ximnasia son impartidas por dous monitores de luns a venres, entre as 10.00 e as 13.00 horas, e hai un total de nove grupos con vinte e cinco persoas cada un deles. Dende a concellaría de deportes infórmase que aínda quedan prazas dispoñibles para o grupo dos martes e venres ás 12.00 horas, polo que as persoas interesadas en participar poderán inscribirse presencialmente nas instalacións da piscina en horario de 10.00 a 13.00 h, no teléfono 986138689 ou a través do enderezo electrónico piscina@concellodebueu.gal.

Dende o goberno local continúase apostando polas políticas de fomento de actividades deportivas, ademais de promover charlas sobre hábitos saudables, como a do próximo venres sobre a esclerose múltiple, organizada xunto á Asociación de Esclerose Múltiple do Morrazo (EMMO) e que terá lugar ás 20.00 horas no Centro Social do Mar.

Ademais das ximnasias que se organizan na piscina, a idea do goberno local é ofrecer actividades deportivas tamén nos lugares e parroquias, o que se irán programando paulatinamente e sempre adaptadas aos protocolos da Covid-19.