O Concello de Bueu inaugura este venres o Estaleiro de Purro cun gran acto cultural e festivo
- O evento está programado para ás 20 horas na contorna do Estaleiro situado na Banda do Río, e xa están confirmadas diversas autoridades e representantes de colectivos
- Félix Juncal, alcalde da vila, anima a toda a veciñanza a asistir, pois “este estaleiro é memoria viva do pobo que somos, unha referencia das nosas orixes mariñeiras que non debemos esquecer”
O Concello de Bueu celebrará este venres, 2 de setembro, o acto inaugural do Estaleiro de Purro cunha gran festa da cultura á que asistirán diversas autoridades e representantes de colectivos e á que se convida a toda a veciñanza. O evento está previsto para as 20 horas e constará de varios bloques a través dos cales se quere homenaxear a cultura mariñeira representada nesta infraestrutura que se vén de rehabilitar e musealizar.
O acto, que estará amenizado coa música de Sheila Patricia, arrancará na contorna do Estaleiro cunha primeira intervención na que se ensamblarán a poesía e o debuxo, coa participación do artista local Luís Davila “O Bichero” e de poetas como Míriam Ferradáns, Dani Costas, Lucía Novas, Susana Aríns e Anxo Angueira. Despois proxectaranse diversos audiovisuais relacionados coa xénese do Estaleiro e do que supuxeron as obras de posta en valor, ademais da súa historia na vila bueuesa. A continuación desenvolverase a parte institucional, na que intervirán Félix Juncal, alcalde da vila, e Carmela Silvia, presidenta da Deputación de Pontevedra, que é o organismo que permitiu o financiamento para a rehabilitación e musealización desta estrutura. E xa para rematar descubrirase unha placa e farase unha pequena visita ao espazo.
O Estaleiro da Banda do Río atópase a carón da praia da Banda do Río e está ligado intimamente coa historia marítima recente da vila bueuesa. Foi a derradeira carpintería de ribeira en activo, nela traballaron e formáronse moitos profesionais e veciños; e tamén se construíron infinidade de embarcacións. O seu peculiar aspecto converteuse en parte da paisaxe urbana de Bueu, actuando como referente da cultura mariñeira. A súa imaxe é vínculo de unión entre o pobo de Bueu e o seu pasado, sempre vencellado aos barcos e ao mar.
A rehabilitación levada a cabo polo Concello de Bueu supuxo a posta en valor dun patrimonio industrial tradicional, dos elementos da arquitectura tradicional mariñeira a través do proxecto museístico e ao mesmo tempo de aparellos e ferramentas de traballo.
Juncal salienta o esforzo que realizou o Concello para manter a vinculación entre a recuperación ambiental dos recursos naturais, así como a súa conservación, e a posta en valor do patrimonio cultural, con vocación divulgativa a partir do coñecemento “da nosa historia e das nosas orixes como vila mariñeira”. Estes traballos de musealización complementaron a rehabilitación que se rematou no 2018 e que permitiu que se iniciase a posta en valor dunha instalación de alto valor patrimonial.