O Concello de Bueu financiará a iluminación eléctrica e actividades musicais con cargo á Deputación de Pontevedra
- Estes servizos recibirán unha subvención do ente provincial no marco da liña 2 do Plan Concellos 2022
O Concello de Bueu financiará parte do contrato de iluminación eléctrica de edificios e vías públicas e o programa Espazo Musical Convida no marco das subvencións da liña 2 do Plan Concellos 2022 da Deputación Provincial de Pontevedra.
O contrato de subministración eléctrica, cun orzamento de 28.169,33 €, permitirá prestar un servizo básico para o Concello de Bueu como é a iluminación dos espazos e vías municipais.
Por outra banda, e tal e como xa se fixera na edición anterior, este ano vaise organizar de novo un programa cultural amplo para o verán, no que durante xullo e agosto se ofrecerán actividades en espazos exteriores das tres parroquias. Unha destas iniciativas é o Espazo Musical, que o ano pasado contou con actuacións musicais moi potentes e con gran éxito de público, e que nesta ocasión volverá poñerse en marcha grazas ao financiamento do ente provincial, que concedeu unha subvención de 30.000 €.
A liña 2 destas subvencións pode destinarse a amortización de débedas con entidades financeiras, pagamento de débedas con acredores de gasto corrente e investimentos, gastos correntes derivados da prestación de servizos municipais, incluídos os contratos para a realización de proxectos técnicos, así como os contratos de consultoría e asistencia técnica, ou gastos correntes derivados da realización de actos culturais, deportivos, sociais, educativos ou turísticos.
Foto: actuación de Sheila Patricia no Parque Ramal dos Galos hai dous anos.