O Concello de Bueu entregou os Premios Johan Carballeira a Manuel López e Héctor Pena
- O acto, que se celebrou este luns no Centro Social do Mar, contou coa presenza de ambos premiados
- Félix Juncal, alcalde da vila, destacou o “compromiso do Concello coa lingua galega e coa memoria, co coñecemento da nosa historia”
O Concello de Bueu celebrou este luns, 15 de maio, a gala de entrega dos Premios Johan Carballeira de Poesía e Xornalismo, que tivo lugar pola tardiña no Centro Social do Mar, e á que asistiron os dous gañadores. Nela, Manuel López, gañador na categoría de poesía, e Héctor Pena, na de xornalismo, recibiron unha cerámica de Carballeira deseñada por Cavalinho do Demo, ademais dun lote de libros.
Xosé Leal, concelleiro de cultura, foi o encargado de guiar o acto, e destacou que “estes premios reivindican que a lingua teña unha funcionalidade total, pois todo se pode falar e dicir en galego”. Manuel A. Mosteiro, presidente da Asociación de Amigos de Johan Carballeira, tamén participou coa lectura das actas dos xurados, e na súa intervención reivindicou a Carballeira, pois “cando un reflexiona sobre este home pensa nos artigos que escribiu en defensa dos mariñeiros, e en que tamén foi un poeta truncado polas circunstancias históricas”, e deu os parabéns aos premiados, pois “na lingua milítase cada día”.
Manuel López, que recibiu o premio de poesía polo poemario 831-Urb, agradeceu ao Concello de Bueu a convocatoria deste certame e dedicoulle o galardón á súa familia. López confesou sentirse duplamente emocionado xa que “que te premien nun certame como o Johan Carballeira supón moito, pois eu son dúas cousas que el foi: galeguista e poeta, e se vivise naqueles anos eu podería ser fusilado coma el”. O noiés tamén salientou que “os certames de poesía son moi necesarios e hai demasiados poucos certames para un xénero mais minoritario aínda”.
Héctor Pena, galardoado na categoría de xornalismo pola serie – reportaxe “Historia inacabada do deporte galego”, publicada no Nós Diario, reivindicou que “o que tento é facer o deporte galego accesible a todo o mundo, mesmo ás persoas profanas; ao tempo que dignifico os triunfos e logros do deporte en todas as disciplinas, con especial atención ao deporte feminino e paralímpico”.
Félix Juncal, alcalde de Bueu, foi o encargado de pechar o acto e fíxoo refrendando “o compromiso do Concello coa lingua galega e coa memoria, co coñecemento da nosa historia”. O rexedor trouxo a colación unha cita de Francisco Fernández del Riego, homenaxeado nas Letras Galegas deste ano, para destacar que “haberá futuro para a nosa lingua se seguimos a facer uso dela, e esa é a razón pola que nos expresamos en galego e o temos no horizonte”. Juncal rematou coa emoción de que “creo que Johan Carballeira descansaría hoxe máis en paz, pois por fin conseguimos retirar este ano a simboloxía franquista que se atopaba nas fachadas das igrexas”.
Os premios, dotados con 1.500 euros en cada categoría, naceron coma unha homenaxe ao político, poeta e xornalista bueués, José Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johan Carballeira, quen tamén fora alcalde da vila bueuesa ata o seu asasinato a mans dos franquistas.