Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello abre o prazo de licitación do Servizo de Atención Temperá

  • O servizo, cuxo contrato presenta un prezo estimado de 257.971,47 euros, ten o obxectivo de promover a igualdade, a saúde e a inclusión social da poboación infantil, de entre 0 e 6 anos, que presente algún trastorno de desenvolvemento ou que estea en risco de padecelo

O Concello de Bueu anuncia a apertura do proceso de licitación para o Servizo de Atención Temperá (SAT). As empresas interesadas en acceder ao procedemento teñen ata o 2 de xuño ás 23.59 horas para presentar as súas ofertas. O contrato deste servizo está cofinanciado pola Consellería de Política Social e Xuventude e polo Plan concellos 2023 e o seu prezo estimado é de 257.971,47 euros.

O pasado mes de setembro, o Concello iniciou o servizo co fin de promover a igualdade, a saúde e a inclusión social a través dun conxunto de intervencións dirixidas aos nenos e nenas, de entre 0 e 6 anos, que presenten algún trastorno de desenvolvemento ou que se atopen en risco de padecelo. Esta intervención tamén se dirixe á familia da poboación infantil afectada e ao seu medio, pois a detección e asistencia temperá poderá axudar a mellorar ditas cuestións.

Este tipo de servizo demanda a colaboración de profesionais especializados en diferentes campos para detectar as causas que interfiren no desenvolvemento do neno ou nena e actuar para o seu progreso. Con esta finalidade, os servizos serán ofrecidos polo SAT Bueu. Entre o persoal atópase un logopeda, unha fisioterapeuta e unha psicóloga con formación e experiencia no desenvolvemento infantil.

Ao finalizar o prazo de presentación de proposicións, a Mesa de contratación realizará unha sesión privada o día 5 de xuño ás 9 horas no salón de plenos para cualificar os documentos presentados.

As empresas interesadas poden atopar o anuncio e toda a información correspondente na Plataforma de Contratación do Sector Público.