O Concello de Bueu e Liboreiro organizan esta semana as XXIV Xornadas Micolóxicas
- As actividades terán lugar do 21 ao 24 de novembro no Centro Social do Mar a partir das 20.30 horas
O Concello de Bueu e a Asociación Micolóxica e Naturalista Liboreiro organizan do 21 ao 24 de novembro as XXIV Xornadas Micolóxicas que se celebrarán no Centro Social do Mar a partir das 20.30 horas e que incluirán varias charlas sobre o mundo dos cogomelos, ademais dunha mostra de viñetas de “O Bichero” do artista local Luís Davila con temática fúnxica.
As xornadas arrancarán o martes 21 da man de Helena Rodríguez, da Asociación Liboreiro, e que se titula “Ollando minimundos: os liques”. O mércores, Santy Corral, da mesma asociación bueuesa, falará sobre a biodiversidade fúnxica na illa de Ons, arquipélago pertencente ao Parque Nacional das Illas Atlánticas e cunha enorme riqueza natural.
O xoves será a quenda de Puri Lorenzo, do Grupo Micolóxico Galego, quen falará sobre boletales. E o venres, o integrante da Sociedade Micolóxica Lucus José Castro, presentará a ‘Macroleplota procera’ e as confusións con especies tóxicas.
Estas xornadas pretenden achegar o mundo micolóxico ao público xeral, e de aí que se promovan diversas temáticas que se abordan sempre dende un punto de vista que combina a divulgación coa especialización.