Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu e Faro de Vigo inauguran a exposición ‘Ilustrando as historias do noso día a día’

  • Esta mostra itinerante recolle arredor de 120 debuxos dos artistas Luis Davila e José Ángel Rodríguez López ‘Gogue’, e poderase ver ata o 16 de setembro na céntrica Praza Massó

A Praza Massó de Bueu é o escenario elixido para a exposición “Ilustrando. As historias do noso día a día”, composta por trece prismas nos que se recollen 120 debuxos dos ilustradores Luís Davila e José Ángel Rodríguez López, máis coñecido como Gogue. Co impulso do Faro de Vigo, xornal onde os debuxantes realizan as viñetas no día a día, e a colaboración do Concello de Bueu, a Deputación de Pontevedra e o Banco Sabadell, a mostra pretende ser unha oportunidade para coñecer a nosa historia a través do humor e poderase ver ata o 16 de setembro, coincidindo co Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FICBUEU).

No acto inaugural, celebrado este martes ao mediodía, Félix Juncal, alcalde de Bueu salientou, referíndose a Davila, natural da vila bueuesa, que “é un enorme orgullo que artistas locais reciban un recoñecemento tan amplo e universal”, ao tempo que destacou que “esta mostra itinerante supón unha oportunidade para ver a evolución dun pobo e reivindicar que desde o local se pode conquistar o universo”. Pola súa banda, o concelleiro de cultura, Xosé Leal, fixo fincapé na “defensa da lingua galega presente nas viñetas de ambos artistas”.

Por último, a deputada de cultura, Victoria Alonso, declarou que “esta exposición pon de manifesto, unha vez máis, o potencial artístico que ten a nosa provincia”.