O Concello de Bueu convoca unha reunión coas asociacións da vila para presentar as axudas da Festa das Alfombras
- Carmen García, concelleira de cultura, manterá unha xuntanza cos colectivos bueueses o luns 18 de marzo, ás 20.00 horas, no salón de plenos da Casa Consistorial
- A Festa das Alfombras Florais do Corpus de Bueu celebrarase o próximo 2 de xuño, e dende o consistorio traballan nunha programación para fomentar a participación social
O Concello de Bueu convocará unha reunión coas asociacións da vila para presentar a liña de axudas que se creará para a elaboración de alfombras de cara á Festa das Alfombras Florais do Corpus. Carmen García, concelleira de cultura, asistirá a esta xuntanza que terá lugar o luns 18 de marzo, ás 20.00 horas, no salón de plenos da Casa Consistorial, e na que tamén estarán alfombristas da vila.
O acto, ao que poderán asistir as persoas representantes de colectivos, servirá para explicar as iniciativas do goberno local de cara a ampliar a participación da veciñanza e do tecido asociativo e social na festa, que este ano se celebrará o 2 de xuño. A principal é a creación dunhas axudas para fomentar a elaboración de tapices florais co fin de reforzar a ambientación das rúas e revitalizar esta tradición cunha historia que se remonta ao século XVII. Estas axudas de participación, para as que se destina un crédito de 9.000 €, dividiranse en dúas liñas: 4.500 € repartiranse en contías económicas por participar e elaborar alfombras de tamaños 3 x 5 metros, 3 x 10 metros e 3 x 15 metros. A outra parte, do mesmo importe, destinarase a bonos comercio que se entregarán ás persoas participantes e coas que se reforzará o comercio de proximidade.
Os premios por participación estarán dirixidos a aquelas persoas ou colectivos que realicen as alfombras dentro do percorrido marcado para a festividade de 1,4 quilómetros, e que abrangue as rúas de Pazos Fontenla, Eduardo Vincenti, Montero Ríos, e Francisco Escáneo.
Estas axudas irán moi en consonancia con todo o traballo para a festa desta edición, na que se organizarán obradoiros e outras actividades para que a veciñanza se anime a elaborar tapices florais. Así mesmo, e para seguir lembrando a historia da festa, vaise preparar unha exposición de fotos antigas.
A tradición das alfombras florais en Bueu
A festa das alfombras conta con máis dun cento de anos de antigüidade, aínda que o auxe desta tradición podería situarse entre as décadas de 1940 e 1950. Un dos costumes que máis lembran os veciños e veciñas da vila son as recoñecidas carrozas que desfilaban na procesión e que se preparaban na antiga carpintaría da fábrica Massó, que deixou de realizarse a comezos dos 70 co peche da conserveira.
Hai que salientar que a Festa das Alfombras de Bueu foi declarada como de Interese Local no ano 2002 e desde o 2017, é Festa de Interese Turístico Galego pola Axencia Galega de Turismo.