Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu convoca unha reunión coa hostalaría para a organización das Xornadas de Exaltación do Polbo

  • A xuntanza terá lugar o próximo martes, 3 de outubro, no salón de plenos do Concello

O Concello de Bueu, a través da concellaría de promoción económica e turismo, convoca unha reunión coa hostalaría para a organización das Xornadas de Exaltación do Polbo. O encontro terá lugar o vindeiro martes, 3 de outubro, ás 10:00 horas, no salón de plenos da Casa Consistorial, e anímase a toda a hostalaría da vila a asistir para estudar e debater este evento, que se levará a cabo en substitución da Festa do Polbo que non se celebrou en agosto.

Como xa se informara hai uns meses, despois dunha vintena de edicións, dende o Concello e a Confraría creuse necesario valorar o seu impacto e buscar un novo formato de festa gastronómica que pasa por desestacionalizala, aínda que tendo, como era habitual, o polbo como protagonista. Félix Juncal, alcalde da vila, e Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, aseguran que “algo que está no ADN da festa é garantir que poña en valor un produto tan noso como o Polbo de Bueu, e tamén que permita que tanto a Confraría como as persoas que viven do mar sexan as principais beneficiarias”.

Outro dos eixes principais sobre os que continuará pivotando a festa  é que contará cunha programación para degustar o polbo en todas as variantes, tanto a veciñanza da vila bueuesa como as persoas visitantes.