O Concello de Bueu contratará oito auxiliares de policía local
- O prazo de solicitude é de cinco días hábiles tras a publicación do anuncio no Boletín Oficial da Provincia
O Concello de Bueu contratará oito auxiliares de policía local dada a necesidade de incrementar transitoriamente o cadro de persoal adscrito ao corpo da Policía Local. O prazo de presentación de solicitudes será de 5 días hábiles a contar dende o luns, tras a publicación de hoxe no Boletín Oficial da Provincia.
En concreto, contrataranse dous auxiliares por un período de seis meses, outros dous por dous meses, tres auxiliares por tres meses, e un auxiliar por catro meses.
As persoas que desexen participar deberán entregar unha instancia dirixida ao alcalde, cuxo modelo estará dispoñible na web e nas dependencias municipais. A continuación, e tras a publicación das listaxes de admitidos/as, darán comezo as probas selectivas. Na primeira comprobarase a estatura e diversas aptitudes físicas, concretamente realizarase unha potencia tren inferior ou salto vertical e unha carreira de 1000 lisos coa que se comprobará a resistencia xeral. A continuación, desenvolveranse as probas de coñecementos, que consistirán nunha avaliación dos contidos do temario, unha proba específica sobre o termo municipal e a toponimia local, e unha proba de coñecemento da lingua galega.
Unha vez rematado o proceso selectivo, o tribunal elaborará unha proposta de contratación, e os aspirantes desenvolverán un curso de formación a cargo da Academia Galega de Seguridade Pública.
O temario sobre o que se terán que examinar os admitidos/as inclúe o municipio, ordenanzas, regulamentos e bandos, a Lei de coordinación de policías locais de Galicia, delitos e faltas, Lei de seguranza viaria, normas xerais de circulación, circulación por zonas peonís, a policía como servizos público.