Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu continúa cos obradoiros de memoria para persoas maiores

  • Os talleres acollen durante este curso a un total de noventa persoas divididas en seis grupos nas tres parroquias
  • Laura Ogando, concelleira de benestar social e igualdade, deu a benvida ás participantes este venres

Laura Ogando, concelleira de benestar social e igualdade, visitou este venres un dos grupos dos obradoiros de memoria que comezaron de novo despois das vacacións estivais. A edil deu a benvida ás persoas participantes e fixo fincapé na necesidade destes obradoiros que organiza o Concello de Bueu dende hai moitos anos para fomentar o envellecemento activo e as políticas sociais activas.

Os obradoiros son impartidos polos centros de día da vila (C. D. Pescadoira e C.D. Contigo) tanto no Centro Social do Mar de Bueu, como na Casa do Pobo de Beluso e no Centro de Interpretación de Agrelo, en Cela. Nestes talleres, que son gratuítos, participan un total de noventa persoas, divididas en seis grupos. Así, en Bueu hai grupos os luns e venres de 9.00 a 10.30 h; outro, os mesmos días de 11 a 12.30 h, outro, os martes e xoves de 9.30 a 11.00 h e o último, os mesmos días de 11.00 a 12.30 h. En Beluso, o grupo ten clases o martes e xoves de 10.30 a 12.00 h, e en Agrelo, os luns e mércores, entre as 10.00 e as 11.30 horas.

A iniciativa ten como obxectivos o fomento do envellecemento activo, o aumento na calidade de vida, o coñecemento de novas actividades de ocio e tempo libre, a mellora nas relacións sociais, etc. Estas actividades son máis necesarias ca nunca, sobre todo porque tras a pandemia se agravou o illamento social e o deterioro da saúde mental das persoas.

A través deles, as e os participantes seguirán as propostas de Estimulación Cognitiva, que buscan intervir nas funcións intelectuais que se poden ver afectadas nas persoas maiores. Entre as actividades propostas están tarefas de debuxo, de construción de modelos, de xestos e mímica, de praxias cognoscitivas, música, exercicios sensoriais, e outros de relaxación e respiración. Todas elas ofrecen unha perspectiva integral para lograr un envellecemento activo.