Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu continúa coa política de eficiencia enerxética

O Concello de Bueu aforrou no ano 2021 un total de 33.655 € en enerxía eléctrica, o que supón un gasto de 151.641 kwh/ ano menos. Así o demostra o informe de xestión enerxética correspondente ao pasado ano, e que tamén indica que nos últimos cinco anos se minorou o gasto en enerxía eléctrica en 113.048 €.

Estas boas cifras débense a diversas accións implementadas dende o consistorio, como son a sinatura dun contrato coa empresa Iberdrola en xuño de 2020, o que permitiu manter un prezo fixo da enerxía evitando toda a suba do mercado; a optimización dos conceptos de tarifas e potencias de todos os subministros municipais; ou a incorporación da eficiencia enerxética en todas as súas contratacións e novas actuacións.

En canto ás accións concretas, o alumeado público foi unha das liñas preferentes do goberno local para mellorar a eficiencia enerxética. Coa substitución de luminarias led por diversos lugares das parroquias, conseguiuse aforrar no pasado ano un total de 80.665 kwh/ano, o que ademais supón unha mellora medioambiental importante, pois redúcense as emisións de CO2. Así mesmo, o ano pasado tamén se puxo en marcha a piscina municipal das Lagoas, un complexo deportivo e saudable no que se tiveron en conta conceptos de eficiencia enerxética.

Xosé Leal, concelleiro de medio ambiente, salienta que “levamos moitos anos implementando políticas que redundan no coidado do medioambiente e da contorna, con accións que dende o local contribúen ao global”, e que se manifestan agora de forma máis ordenada no Plan de Acción do Clima e da Enerxía e o Plan de Mobilidade Urbana Sostible, dous instrumentos que servirán de guía no presente e no futuro máis inmediato. Como administración pública, o Concello ten a obriga de realizar un uso responsable dos recursos enerxéticos, incrementando a eficiencia das instalacións consumidoras de enerxía. Así mesmo, dende o consistorio tamén se programan campañas de concienciación para fomentar que a cidadanía implemente pequenas accións na súa cotiandade.

O gasto en iluminación pública supón un 64% do total, seguido das instalacións deportivas, cun 17 %, e dos centros docentes, con 6 %. Aínda así, o consistorio tamén asume a electricidade dos cemiterios municipais, Centro de Saúde, praias e medio ambiente, mercados, biblioteca etc.

De cara a este ano, o Concello ten enriba da mesa varios proxectos para seguir mellorando as luminarias en diversas zonas, como son as da nova senda peonil entre Trasouto e A Portela, ou as situadas entre Mourisca e Cabo Udra, accións que se levarán a cabo con cargo a diversas liñas de subvencións.