O Concello de Bueu conta cun punto de reciclaxe e reutilización de aparellos electrónicos
O Concello de Bueu conta cun novo punto de reciclaxe de aparatos electrónicos, situado na planta baixa da Casa do Concello, no que a cidadanía poderá depositar os móbiles e tabletas que xa non se utilicen , así como pilas, baterías e cargadores.
O punto está dispoñible dende este martes, e xa o estrearon Xosé Leal, concelleiro de cultura, medio ambiente e residuos, e Iria Rey, técnica de residuos e medio ambiente. A instalación insírese no marco do proxecto ESTRAEE (Estratexía Sostible Transfronteiriza para a Xestión dos Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos), impulsado pola Deputación de Pontevedra en diversos puntos da provincia, coa achega de fondos FEDER.
Tal e como salienta Xosé Leal, “é importante depositar correctamente estes residuos co fin de frear os vertedoiros incontrolados, que verquen na natureza elementos altamente contaminantes como chumbo, arsénico ou mercurio”.
O punto de reciclaxe está formado por tres caixas de recollida: unha para teléfonos móbiles e tabletas, outra para pilas e a última para cargadores. O resto dos RAEE (todo tipo de aparellos domésticos que funcionen con corrente, como electrodomésticos, dispensadores de aire acondicionado, impresoras, aspiradoras, pranchas, fornos, secadores de pelo, etcétera) deben entregarse directamente no Punto Limpo, ou ben solicitar a súa recollida por parte das empresas concesionarias a través do teléfono 900725425.
Actualmente tan só un 17,4% do lixo electrónico se recicla na actualidade, e o ano 2019 marcou un récord mundial con 53,6 millóns de toneladas destes residuos. Calcúlase que hai unhas 50 toneladas de mercurio sen controlar nos residuos vertidos irregularmente nos últimos anos. Por este motivo, e co fin de seguir reducindo o impacto negativo sobre o medio ambiente, o Concello impulsa accións que camiñan no cumprimento dos obxectivos da Axenda 2030.