Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu consegue as Bandeiras Azuis para as praias da Banda do Río, Portomaior, Lapamán, Lagos e Area de Bon

  • O consistorio destaca que estes distintivos son a mostra do gran traballo levado a cabo na última década, tanto a nivel medioambiental como de servizos

A Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) vén de anunciar as bandeiras azuis para os areais de España durante esta tempada estival. Así, o Concello de Bueu consegue este verán cinco bandeiras azuis, que van para as praias de Area de Bon, Portomaior, Lagos, Lapamán e para a urbana da Banda do Río. Este distintivo valora factores como a calidade das augas, a información e educación ambiental, a seguridade, os servizos e as instalacións. Ademais, a vila morracense revalida o distintivo azul para a Aula da Natureza de Cabo Udra e o Centro de Interpretación de Agrelo, inaugurado a finais de 2015 logo da súa rehabilitación municipal.

A praia da Banda do Río obtén por segundo ano o galardón azul, o que supón un fito histórico, sobre todo porque “este areal partía duns niveis altísimos de contaminación, que logramos erradicar grazas ás políticas implementadas na última década por este goberno”, apuntaban Félix Juncal, alcalde da vila bueuesa, e Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo. O Concello puxo en marcha hai xa dous veráns o servizo de socorrismo no areal, e tamén se instalaron uns aseos autolimpables no paseo de María Eugenia, ademais de mellorarse o aparcadoiro na zona.

Foi no ano 2007 cando se comezou coa renovación das infraestruturas na desembocadura do río, de cara a corrixir e eliminar os importantes verquidos de augas residuais da praia da Banda do Río e que facían que non fose aptas para o baño debido aos aberrantes niveis de contaminación. “É importante botar a vista atrás para darnos conta das transformacións conseguidas”, destaca Juncal que nomea outras actuacións importantes como foi a renovación de colectores, nos que se ampliou a súa capacidade e se separaron as augas, ou a dotación dunha infraestrutura máis moderna para previr os desbordamentos do río na tempada outono – inverno. Todas esas medidas incidiron directamente na mellora das analíticas das augas neste areal que pasaron duns niveis de contaminación moi elevados a ter unha calidade de auga óptima para o baño, tal e como se refrendou nos últimos anos.

O consistorio destaca que os distintivos azuis supoñen unha mostra do gran traballo levado a cabo na última década, tanto a nivel medioambiental como de servizos.