O Concello de Bueu conmemora un 25 N, Día Internacional Contra as Violencias Machistas, adaptado á Covid-19
- Ana Isabel Otero, concelleira de igualdade, repartiu máscaras e libros polos colexios e institutos da vila, acompañada doutros membros do goberno local
- Mañá está programada unha concentración silenciosa ás 12.00 h, e o Concello difundirá nas redes sociais un vídeo de lecturas contra o machismo na voz de concelleiras e concelleiros da corporación
O Concello de Bueu organiza esta semana unha serie de actividades que reivindican o 25 de Novembro, Día Internacional Contra as Violencias Machistas, e que se adaptan ás restricións establecidas por mor da Covid-19. Así, este martes, Ana Isabel Otero, concelleira de igualdade, acudiu aos seis colexios e institutos da vila bueuesa para repartir máscaras que se realizaron con motivo desta efeméride co lema de “O machismo mata”, e que se dirixen ao alumnado e ao profesorado. Tamén se entregaron exemplares do libro O abecedario na maleta, unha biografía de Matilde Bares adaptada á cativada cos textos de Polo Correo do Vento e as ilustracións de Tania Solla. Otero aproveitou as visitas para coñecer tamén os proxectos nos que están traballando nos centros educativos con motivo desta data, entre os que están a elaboración de vídeos ou podcasts.
Así mesmo, este mércores, está programada unha concentración silenciosa na memoria das mulleres asasinadas polas violencias machistas, que terá lugar ás 12.00 h diante da Casa Consistorial, e na que participará a corporación municipal. Dende o Concello anímase á cidadanía a sumarse a este acto, no que se deberán respectar todas as medidas de seguridade, como o uso obrigatorio da máscara e o mantemento da distancia interpersoal.
Outra das iniciativas é a publicación nas redes sociais do Concello dun vídeo de lecturas contra o machismo, no que se recollen poemas e fragmentos de obras literarias que falan da violencia e da necesidade do feminismo na voz das concelleiras e concelleiros da corporación.
A estes actos sumouse a campaña da Xunta de Galicia no marco do programa #AgresionOff 2020 da semana pasada, e a declaración institucional que aprobou a corporación no pleno ordinario do mes de outubro.