Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu conciencia á cidadanía sobre a diversidade sensorial

  • O Concello organiza o 12 de xuño xunto á Organización de Diversidade Sensorial de Galicia (XOGA) unha xornada de portas abertas cunha exposición, unha charla e un curso sobre lingua de signos e un contacontos para a cativada

Co gallo do Día Nacional da Lingua de Signos, o Concello de Bueu programa unha serie de actividades para concienciar á cidadanía sobre a diversidade sensorial, cunha xornada de portas abertas que terá lugar o 12 de xuño da man da Organización de Diversidade Sensorial de Galicia XOGA. Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, salientou na rolda de prensa celebrada este xoves que “é importante que as persoas poidamos ter voz na sociedade e que toda a cidadanía coñeza a diversidade sensorial na súa amplitude”. Esta iniciativa englóbase no marco dun proxecto de fomento da accesibilidade e a inclusión, e que inclúe accións tanto formativas como de concienciación.

O programa desenvolverase o sábado 12 de xuño, comezando ás 10.30 h cun curso básico de lingua de signos, destinado a persoas maiores de 16 anos, para o que se necesita inscrición previa a través dun formulario da web municipal. Ás 11.30 h, a Praza Massó acollerá unha exposición sobre “A Comunidade con Diversidade Sensorial” e un contacontos en lingua de signos para nenos e nenas de 3 a 6 anos. E xa ás 12.30 h culminará a xornada cunha charla sobre a diversidade sensorial, na que se trataran conceptos, estereotipos e recursos ao noso alcance.

A maiores, tamén se organizarán dous cursos de formación básica en lingua de signos a partir de setembro: un para achegar a lingua á cidadanía en xeral e outro para o persoal municipal, xa que “queremos construír unha administración totalmente accesible”, destaca Carballo, quen estivo acompañada na presentación de María Jesús Monterde García e Marta García Prado, do equipo directivo de XOGA.

O Concello de Bueu tamén difundirá nas redes sociais a carteleira do Día Nacional da Lingua de Signos, pois “o que buscamos é concienciar ao maior número de persoas sobre a diversidade sensorial e a necesidade de inclusión”. Por último, a Fonte Cibernética da Praza Massó iluminarase de cor turquesa con motivo do Día Nacional da Lingua de Signos.

Xoga, apostando pola diversidade

Xoga é unha entidade de iniciativa social nacida no 1990, sen ánimo de lucro que vela polos intereses das persoas con diversidade sensorial (persoas xordas, con perda auditiva e xordocegueira), das súas familias e profesionais en tódolos ámbitos da sociedade, desenvolvendo un traballo de interlocución para ofertar unha serie de servizos e actividades inclusivas ás persoas con diversidade sensorial da Galiza.