O Concello de Bueu comezou esta semana o programa deportivo ‘En forma nas parroquias’
Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Ricardo Verde, concelleiro de deportes, visitaron esta semana o Pavillón Municipal de Beluso e o Torrecino de Cela, espazos nos que arrancou o programa deportivo ‘En forma nas parroquias’, que recupera novamente as ximnasias de mantemento gratuítas para a cidadanía.
Cun total de 100 prazas, e con algunhas aínda dispoñibles, o Concello puxo en marcha este programa tanto na parroquia de Cela como na de Beluso, que continuará ata o mes de xuño, e que se suma ás clases que xa se imparten dende setembro nas instalacións da piscina municipal cuberta das Lagoas.
‘En forma nas parroquias’ ofrecerá clases os luns e mércores no Pavillón de Beluso en dúas quendas de vinte e cinco persoas cada unha: unha de 9 a 10 horas, e outra de 10 a 11 horas. Mentres, en Cela, os días escollidos serán os martes e xoves de 10 a 11 horas. Así mesmo, e dada a demanda por parte da sociedade, o Concello programará outro grupo na Casa da Aldea de Meiro, que se pechará nos próximos días.
Dende o goberno local continúase apostando polas políticas de fomento de actividades deportivas no marco da acción “Bueu Saudable” que ano tras ano acolle a moitísimas persoas que realizan deporte adaptado, ademais de promover charlas sobre hábitos saudables. Tal e como salienta Ricardo Verde, concelleiro de deportes, “a nosa idea é recuperar a normalidade de antes na pandemia de forma progresiva, e moitas persoas nos demandaba a actividade física nas parroquias porque lles resulta máis cómodo que desprazarse a Bueu”.