Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu comeza os obradoiros de igualdade nos centros educativos da vila

  • Ana Isabel Otero, concelleira de benestar social e igualdade, destaca que “é importante que levemos a igualdade aos nenos e nenas, que son o presente e futuro”
  • As actividades iniciáronse no CEIP Plurilingüe A Pedra e continuarán nas vindeiras semanas por outros centros educativos de primaria e secundaria da vila

O Concello de Bueu arranca unha serie de obradoiros de igualdade nos centros educativos de primaria e secundaria da vila. Ana Isabel Otero, concelleira de benestar social e igualdade, inaugurou esta actividade no CEIP Plurilingüe A Pedra, e salientou que “é importante que levemos a igualdade aos nenos e nenas, que son o presente e futuro”. A edil animou á cativada a “aplicar o que aprendades nestes obradoiros á vida cotiá”.

A empresa Lilandeiras, especializada en servizos de igualdade, é a encargada de impartir estes obradoiros que abordan diversas cuestións adaptados a cada nivel educativo. No colexio de A Pedra acolleron hoxe un titulado “Proxectando igualdade” destinado aos nenos e nenas de 4º de primaria, para concienciar dos roles e estereotipos a través de películas, series e debuxos animados; outro de “Violencia de xénero e redes sociais” para 5º, no que puideron aprender sobre o papel que xogan as redes sociais nas nosas vidas e as múltiples violencias machistas que se poden dar no espazo virtual; e “Mitos de amor romántico”, co que os rapaces e rapazas de 6º traballaron mitos do amor romántico e reflexionaron sobre as bases das relacións sas, igualitarias e baseadas no respecto e a confianza.

As actividades, que forman parte do programa organizado pola concellaría de igualdade con motivo do Día Internacional das Mulleres, chegarán nas próximas semanas a outros centros da vila, como o CEIP Plurilingüe Montemogos, o CEIP Plurilingüe Torre Cela, o IES Illa de Ons e o IES Johan Carballeira. Algúns destes obradoiros titúlanse “A ciencia do traballo doméstico”, “Marta dice no!”, “En Familia!”, “Diversidade afectivo sexual”e “Apoderamento feminino e novas masculinidades”. Segundo salienta a concelleira da área, as actividades foron organizadas a partir das necesidades e demandas de cada un dos centros e por iso se adaptarán a cada nivel educativo.

O Concello de Bueu leva moitísimos anos implementando políticas activas de fomento da igualdade, cun especial fincapé nos nenos e nenas e cos centros educativos como piar fundamental. Por iso se organizan certames de debuxo e ilustración arredor destas temáticas, obradoiros, e hai dous anos aprobouse o I Plan de Igualdade Intercentros, que pretende ser unha ferramenta para canalizar todas as accións que se leven a cabo de forma transversal.