O Concello de Bueu comeza este mércores as clases de ximnasia para persoas adultas e con discapacidade
O Concello de Bueu arranca este mércores as clases de ximnasia, concretamente as dirixidas aos adultos e ás persoas con discapacidade. A estas sumaranse ao longo deste mes as de psicomotricidade, ximnasia prenatal, matroximnasia e Pilates, e as de persoas con mobilidade reducida que xa se iniciaron a comezos de de setembro.
O programa ‘Bueu Saudable’ púxose en marcha no 2008 por parte da concellaría de deportes coa finalidade de garantir a adquisición e a mellora de hábitos de vida saudables, entre toda a poboación, cunha especial atención ás persoas maiores e ás mulleres embarazadas. Por este motivo, desenvolveranse en distintos espazos, tanto do centro como das parroquias, concretamente no Pavillón Municipal Pablo Herbello, no Pavillón de Beluso, no 2º andar do Centro Social do Mar, no IES Illa de Ons, na Casa da Aldea de Meiro, no CEIP A Torre de Cela e no CEIP A Pedra de Bueu.
Félix Juncal, alcalde de Bueu, salienta que proximamente, tan pronto rematemos o proceso selectivo dun monitor deportivo que temos aberto na actualidade, se procederá ao inicio das clases que faltan.