O Concello de Bueu celebrou este venres o II Pleno Escolar da Igualdade
- No acto participou o alumnado do CEIP Plurilingüe A Pedra, CEIP Plurilingüe Montemogos, CPR Virxe Milagrosa e IES Johán Carballeira
- O próximo luns entregaranse os premios dos certames educativos ‘A igualdade no traballo’ nun acto que terá lugar ás 12.00 h no Centro Social do Mar
O salón de plenos do Concello de Bueu foi escenario este venres dun intenso debate sobre a igualdade coa celebración dun pleno no que o alumnado dos centros educativos da vila foi o protagonista. Por segundo ano consecutivo, un total de quince rapaces e rapazas do IES Johán Carballeira, CEIP Plurilingüe A Pedra, CEIP Plurilingüe Montemogos e CPR Virxe Milagrosa interrogaron aos responsables municipais a propósito de diversas cuestións relacionadas coa igualdade. Entre elas, o número de traballadores e traballadoras municipais, as medidas que pon en marcha o Concello para favorecer a integración laboral das mulleres, a brecha salarial, o tratamento das mulleres vítimas de violencia de xénero, ou se os postos de responsabilidade recaen máis en mulleres ou en homes. O alumnado demostrou coñecer á perfección esta problemática e a necesidade de que se avance en materia de igualdade, de aí que no debate aflorasen outras cuestións como os porqués da non existencia de baños mixtos nos colexios ou a reflexión sobre o rendemento e implicación dos dous sexos no traballo.
Este pleno escolar sobre igualdade é unha das medidas recollidas no I Plan de Igualdade Intercentros que se aprobou o pasado ano co obxectivo de promover accións para lograr a igualdade desde a base, é dicir, desde a propia educación. Neste sentido, o alcalde expresou que “temos que conseguir que o que sentides hoxe o sintades no futuro con moita máis intensidade”.
O pleno estivo rexentado polo alcalde, Félix Juncal, e pola concelleira de igualdade, Ana Isabel Otero, e o vicealcalde, Julio Villanueva, e nel participaron María Romero Moares, Aitor Miranda Freire, e Mariña Fernández Calo, do CEIP A Pedra; Rosana Martínez Reiriz, Juan Aguete Regueira e Gabriela Docampo Cabanelas, do CEIP Montemogos; Marina Torres Gago, Pablo González Barcia, Ana Ferradanes Rodas e David Dopazo Otero, do CPR Virxe Milagrosa; Laura Pérez González, Iago Pastoriza Gallego, Andrea Rial Santos, Jimena Aldao Amoedo, e Soraya Ferreira Juncal, do IES Johán Carballeira. A concelleira de igualdade salientou que “o futuro de Bueu está en boas mans” e o vicealcalde desexou “que sigamos traballando pola igualdade real entre homes e mulleres”.
Ao remate do pleno entregáronse uns diplomas conmemorativos ao alumnado participante. Ademais, o alcalde reiterou que se creará un Consello da Infancia e da Mocidade e a idea do goberno é celebrar máis veces estes plenos para o tratamento doutros asuntos como o medio ambiente, a diversidade, obras e servizos, e outros que poidan xurdir.
Conscientes de que a educación é unha arma cargada de futuro na loita pola igualdade, o vindeiro luns, 9 de marzo ás 12.00 h, terá lugar no Centro Social do Mar un acto de entrega dos premios dos certames educativos de viñeta/ilustración e literario “A igualdade no traballo”.