O Concello de Bueu celebrou este domingo o Desfile do Enterro do Paxaro de Mal Agoiro
O Concello de Bueu celebrou este domingo, 10 de marzo, un dos eventos máis agardados do Entroido, o Desfile do Enterro do Paxaro de Mal Agoiro, no que participaron máis dunha vintena de grupos. Así, tras o desfile e a posterior queima do paxaro na Banda do Río (o cal foi elaborado polo ilustrador local Marc Taeger), o xurado foi o encargado de anunciar os premios: na categoría das comparsas de Bueu o 1º premio, dotado con 100 € foi para “Asociación As Faltriqueiras” e o 2º, de 50 € para “Os do Pinsel”; nas agrupacións de máis de quince compoñentes, “Viaxeiros no tempo” fíxose co primeiro posto de 250 €, “El oeste de los Monpitunis” co 2º de 175 € e “Locos años 20” co 3º de 100 €, e das agrupacións de entre tres e quince compoñentes, “Medusas do Morrazo” foi o primeiro clasificado, cunha dotación de 100 € e o segundo “Vimos de Beluso” con 80 € . Así mesmo, houbo premios para a categoría de parellas, resultando gañadores Delfina Martínez Carballo para o primeiro premio de 100 € e “Tribu Africana Zulú”, a segunda, con 80 €. Finalmente, na categoría individual, José Martínez Nogueira fíxose co primeiro e único premio de 80 €.
Ademais, e ao igual que o pasado ano, as agrupacións de máis de quince compoñentes recibirán unha cantidade fixa por participar. Concretamente, destinaranse 350 euros ás comparsas de Bueu que formaron parte dos actos programados ao longo de todo o Entroido, 150 euros para as agrupacións de Bueu que participaron no desfile do Enterriño da Sardiña e teñen máis de quince compoñentes, e 120 euros para aquelas que participaron no Enterro do Paxaro de Mal Agoiro e estean conformadas por máis de quince persoas.
O xurado estivo composto por Manuela Millán Otero, en representación do Concello de Bueu, Adrián Ferrer Reboiras, concelleiro do BNG, Julio Villanueva, voceiro de ACB-SON, Mercedes del Pilar Otero, edil do PP, Ana Ave, presidenta da Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo (FECIMO) e Pablo Portela, presidente da Asociación Veciñal A Morada de Meiro.
A tarde deste domingo culminou cunha homenaxe a Silvino Dopazo “O Cimarrón”, na que se lle fixo entrega dunha figura do faro de Ons á familia. O broche de ouro puxérono as comparsas cunha actuación musical e festiva na Praza Massó.