O Concello de Bueu celebra este venres o aniversario da súa constitución
-
O acto terá lugar ás 20.00 h no Centro Social do Mar e incluirá un reparto de bandeiras entre os colectivos da vila e unha charla a cargo de Arturo Sánchez Cidrás
O Concello de Bueu celebra este venres, 30 de novembro, un acto para conmemorar o aniversario da súa constitución. Ás 20 horas farase entrega das bandeiras oficiais da vila aos diversos colectivos culturais e deportivos, seguida dunha conferencia a cargo de
Arturo Sánchez Cidrás sobre o poder político e a salga no Bueu do século XIX. Segundo declara o concelleiro de cultura, Xosé Leal, o obxectivo é que “o nome de Bueu se espalle polos recunchos do mundo a través dos actos nos que participen as asociacións”. Sobre este orgullo de vila e parte das súas orixes falará o historiador local, quen é autor dun capítulo do libro Travesía por tres momentos da historia de Bueu, concibido pola Asociación Cultural para o Debate Ricardo Gómez Buceta e editado pola Deputación de Pontevedra, concretamente o que fala das salgas e fomentadores.
Así, a historia da salga en Bueu ten, segundo Cidrás, dous fitos claramente diferenciados: unha antiga, de orixe romana (s. II ao IV d.C.), e outra moderna que arranca no último cuarto do século XVIII, do que é un bo exemplo un complexo industrial no lugar de Pescadoira e os numerosos salgadoiros instalados a partir do século XIX, sobre todo da man dos cataláns.
Precisamente a programación organizouse con motivo do aniversario da constitución de Bueu como concello. Aínda que no 1821 foi realmente cando se creou o concello, o acordo oficial de constitución é do 30 de novembro de 1836. Nesa data adquiriu tamén o seu actual estatus, aínda que do seu territorio formaban parte as parroquias de O Hío e Aldán, hoxe pertencentes a Cangas.
Por estes motivos elixiuse esta data como un dos festivos locais de Bueu, dado que o 16 de xullo, Festa do Carme, coincidiu en domingo.