O Concello de Bueu celebra este sábado a cabalgata dos Reis Magos
-
As embarcacións tradicionais serán protagonistas dun dos eventos máis agardados pola rapazada
-
Ás 12 h os Reis Magos recibirán aos nenos e nenas no Centro Social do Mar e pola tarde terá lugar o desfile de carrozas
Tras dúas semanas de intensa programación para a rapazada, o Concello de Bueu celebra este sábado a tradicional cabalgata dos Reis Magos que, segundo informa o concelleiro de cultura, Xosé Leal, contará con importantes novidades, sobre todo porque poñerá en valor as embarcacións tradicionais e a historia local.
Melchor, Gaspar e Baltasar recibirán aos pequenos e pequenas a partir das 12 do mediodía no Auditorio do Centro Social do Mar, tras chegar ao porto en tres barcos tradicionais da man da Asociación de Embarcacións Os Galos. Alí están programadas actividades diversas e as súas maxestades recollerán o buzón real que foi instalado polo Concello na Praza Massó e no que se depositaron as cartas coas ilusións e desexos.
O desfile de carrozas terá lugar ás seis da tarde e sairá desde a contorna do recentemente rehabilitado Estaleiro da Banda do Río ou de Purro, pasando polas rúas Francisco Escáneo, Pazos Fontenla, Castelao, para culminar diante do Concello. E como en toda cabalgata non pode faltar a diversión, haberá espectáculo pirotécnico e repartiranse uns 450 quilos de caramelos libres de alérxenos aptos para todos e todas. Ademais contarase coa actuación dunha charanga, espectáculo de pompas e animación con diversos personaxes de conto. Segundo apuntou Leal, “pretendemos unir a tradición e a modernidade, de xeito que as carrozas levarán embarcacións tradicionais”, unha tarefa na que colaboran estreitamente a Asociación Os Galos e as ANPAS do municipio.
Romaría dos Santos Reis
E como vén sendo habitual, a Asociación Cultural Santos Reis organiza a Romaría de Reis, que se celebrará o domingo 6 de xaneiro na Capela dos Santos Reis. A música comezará a partir das once da mañá da man da banda de gaitas “Os Liboreiros” e o grupo de baile “Pais de San Roque”. Ás 12.30 h terá lugar a misa e a procesión, e na romaría as persoas asistentes poderán degustar roscón e chocolate.