O Concello de Bueu aproba inicialmente os orzamentos e o plantel de persoal do ano 2018
-
A proposta estará exposta ao público durante un período de 15 días hábiles para a presentación de posibles alegacións
O Concello de Bueu aprobou este xoves, nunha sesión plenaria extraordinaria celebrada ás 9.00 horas da mañá, os orzamentos e o plantel de persoal do ano 2018. Os orzamentos xerais ascenden a unha cantidade de 5.860,000 € (un incremento de 110.000 € en ingresos e 155.000 € de gastos con respecto ao ano anterior). O concelleiro de facenda, José I. García Cuervo destacou que se trata “dun orzamento continuista e que nos funcionou ben nos últimos anos”.
A proposta foi aprobada cos votos a favor do grupo do BNG, en contra do voceiro de ACB-SON e a abstención do PP. Agora, o documento cos orzamentos estará en exposición pública durante 15 días hábiles para a presentación de posibles alegacións por parte da cidadanía. No caso de que nese período non existan reclamacións, o orzamento aprobarase xa definitivamente.
Na sesión plenaria tamén se aprobou (cos votos a favor do BNG, e as abstencións de PP e ACB-SON) un recoñecemento extraxudicial de créditos por importe de 18.228,27 €, que se corresponden con facturas presentadas no presente exercicio aínda que de servizos do anterior. As outras son relativas á aprobación de amortización anticipada de endebedamento neto e modificación de créditos por importe de 219.195,67 €, que contou cos votos a favor do BNG e as abstencións dos restantes grupos presentes.
Principais liñas do orzamento
En canto aos ingresos, no capítulo correspondente a impostos directos (IBI, IVTM e IAE) consígnanse 2.252.500 €, o que supón un 38,44% do total de ingresos, que corresponden coa previsión feita tras os padróns, as listaxes de cobro existentes e o procedemento de inspección. No capítulo 2, de impostos indirectos (ICIO), consígnanse 100.000 euros, é dicir un 1,71 % do total. Segundo destaca o concelleiro, este imposto sufre un incremento con respecto ao exercicio anterior debido á entrada en vigor do PXOM, e que ascende no que vai de ano a 84.086,16 €.
As taxas e outros ingresos (cap. 4) permitirán recadar 570.950 € que supón o 9,74 % do total. As transferencias correntes supoñen 2.907.544,50 €, é dicir, un 49,62 %, e os ingresos patrimoniais, 25.005,50 €, un 0,43 %, os activos financeiros, 4.000 €.
No que respecta aos gastos, o capítulo primeiro, referente a persoal, ascende a 2.901.285 € que supón, un 49,51 % do total e onde xa se introduce a subida prevista para o persoal municipal na lei do 1,50 % máis os trienios.
Os gastos en bens correntes e servizos teñen unha cantidade de 1.927.916 €, os gastos financeiros son 10.000 €, e as transferencias correntes equivalen a 669.300 €, incrementándose estas con respecto ao exercicio anterior en 24.300 €. Aquí inclúense subvencións a entidades culturais e deportivas e eventos cofinanciados polo Concello como o Comedor Escolar e Plan Madruga, así como atencións benéficas e asistenciais.
Por último, o capítulo de investimentos reais ten importe de 111.500 €, o de pasivos financeiros, 5.000 €, e o de amortización de préstamos, 235.000 €.