Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu apoia un ano máis un Ficbueu adaptado ás restricións da Covid-19

  • O festival de curtas, que cumpre catorce edicións, celebrarase do 10 ao 19 de setembro
  • Félix Juncal, alcalde de Bueu, salientou a “a consolidación dun traballo que se leva a cabo durante todo o ano e que ten o cinema como protagonista”
  • Dende a organización salientan que se proxectarán máis de 130 curtas de trinta países diferentes, amais de actividades paralelas

A vila de Bueu comeza a conta atrás para vivir una nova semana de cinema da man do FICBUEU. O festival de curtas, que celebra este ano a décimo cuarta edición, inaugurarase este venres a partir das 19.15 horas, cun concerto de Two in The Mirror, e o acto de estrea dos traballos elaborados nos talleres do FICBUEU, que serán presentados polos seus autores e autoras, para culminar coa proxección de Un blues para Teherán de Javier Tolentino. Para dar algunhas pistas da que será este ano a programación do festival “adaptado á Covid-19 pero que camiña cara á normalidade”, celebrouse este martes, 7 de setembro, a rolda de prensa na que estiveron presentes Félix Juncal, alcalde de Bueu, Victoria Alonso, deputada de cultura da Deputación de Pontevedra, Jacobo Sutil, director da AGADIC, e María Ruiz, xefa de produción do FICBUEU.

Félix Juncal, rexedor da vila, salientou o apoio do Concello cun festival que supón “a consolidación dun traballo que se leva a cabo durante todo o ano e que ten o cinema como protagonista”. Juncal referendou o compromiso do Concello con este proxecto que “naceu dende a entidade municipal e, concretamente da man de Manuel Pena, director do festival, e Andrés Lamosa, daquela concelleiro de cultura”.

Como vén sendo habitual xa nos últimos anos, o FICBUEU ofrecerá as habituais proxeccións da sección internacional, cun dobre pase de luns a venres ás 20.00 e ás 22.00 h, e outras seccións como Retrospectiva, Panorama, Experimental, Galicia R ou España, amais de actividades paralelas como faladoiros, actuacións musicais, charlas divulgativas etc. O programa desenvolverase en varios espazos da vila, como o Auditorio do Centro Social do Mar, a Sala Multiusos, ou o Museo Massó.

María Ruiz, xefa de produción do FICBUEU, salientou que “poderemos gozar de máis de 130 curtas de trinta países diferentes”. Malia afrontar un novo ano atravesado pola pandemia, Ruiz avanzou que “camiñamos cara á normalidade nas próximas edicións”, e aproveitou para destacar que dende a organización recibíronse máis de 2000 curtas, o que lles permitiu realizar unha selección “moi variada, cunha presenza potente de documentais e con máis producións realizadas por mulleres”. Jacobo Sutil, da AGADIC, agradeceu ao sector profesional “o esforzo que levan realizando a prol da cultura en dous anos moi complexos pola Covid”. Así mesmo, fixo fincapé na importancia deste proxecto para divulgar o audiovisual entre a cidadanía xeral, ao tempo que se ofrecen actividades para os e as profesionais do cinema. Precisamente no apoio do público incidiu Victoria Alonso, deputada de cultura, quen declarou que “é moi importante o que lograstes de involucrar a toda a veciñanza de Bueu e da contorna”, e “o apoio que se fai ao sector cultural e, por extensión, ao tecido económico da vila”.