O Concello de Bueu aplica un tratamento para salvar o piñeiro de Massó
- Os traballos levados a cabo por Mundo Verde inclúen a retirada e poda sanitaria, o tratamento dos tocóns e a aplicación dunha pasta cicatrizante sobre os cortes
O Concello de Bueu comezou este venres coa aplicación dun tratamento para salvar o piñeiro americano de Massó, unha medida que se adopta ante o mal estado da árbore afectada por un patóxeno. Os traballos estaos levando a cabo a empresa de xardinería local Mundo Verde a petición do Concello e seguindo as indicacións do informe encargado á Estación Fitopatolóxico do Areeiro.
Félix Juncal, alcalde da vila, visitou o venres os traballos xunto aos edís Xosé Leal e Carmen García. O rexedor apunta que “agardamos que este tratamento sirva para salvar o piñeiro e impedir a súa tala”.
O piñeiro de Massó sitúase na rúa Montero Ríos, xusto antes da entrada ao peirao, e ten máis de setenta anos de vida. O informe da Estación Fitopatolóxica detectou que este exemplar de pinus radiata (piñeiro americano) está afectado polo patóxeno Phytophthora pseudocryptogea, que provoca a podremia das raíces absorbentes e da base do tronco. Por iso se encargaron estes traballos a Mundo Verde, que incluíron a retirada e poda sanitaria de todas as ramas secas e danadas, que supoñían un perigo ante o risco de caída; o tratamento dos tocóns e que culminará coa aplicación dunha pasta cicatrizante sobre os cortes. É case unha labor cirúrxica para salvar este piñeiro con tanta historia para a vila de Bueu.
Entre as causas do seu mal estado e deterioro están o escaso espazo libre que hai ao seu arredor, con moita presenza de formigón que dificulta que poida absorber a auga necesaria; a exposición aos ventos do norte; ou as podas mal realizadas nalgúns momentos.