Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu anuncia un sorteo literario polo Día das Bibliotecas

  • As persoas que desexen facerse co lote de libros deberán responder a un cuestionario dispoñible na páxina web municipal ata o 24 de outubro

A concellaría de Patrimonio, Arquivo e Bibliotecas, que asume o concelleiro nacionalista Alberto Moital, presenta unha campaña especial polo Día das Bibliotecas que se celebra o próximo sábado, 24 de outubro. Dado que a actual circunstancia derivada da Covid-19 non permite organizar actos presenciais, o Concello sorteará un lote de libros entre todas as persoas que participen no formulario dispoñible na páxina web municipal e no que se anima a consultar fontes primarias e a aprender sobre as bibliotecas e o que estas simbolizan no mantemento da memoria.

O sorteo estará activo ata o mesmo sábado, ás 00.00 h, e o lote compóñeno cinco títulos sobre a historia da vila e algúns dos últimos gañadores do Premio Johán Carballeira de Poesía. Así, O abecedario na maleta. Pequena biografía de Matilde Bares, é unha proposta dePolo Correo do Vento coas ilustracións de Tania Solla; Bueu Gozosos Anos 30, tamén destinado á rapazada, concíbese coma un pequeno libro ilustrado da man de Polo Correo do Vento, no que se lembran eses anos 30 do pasado século nos que a cultura viviu un momento marabilloso en Bueu; dente de leite é un poemario da ourensá Arancha Nogueira que se centra nas relacións entre a infancia e a idade adulta e o papel das nais dende unha ollada libre; Galicia en bus, de María Reimóndez, pola súa banda, rescata versos de denuncia social que se unen coa reflexión arredor do propio corpo; e Anagnórise é xa un clásico de María Victoria Moreno que se recomenda moito na adolescencia e que supón unha revolución lectora.

Dende o Concello saliéntase que “a cultura non contempla ningún límite, polo que todos e todas estades convidados/as a resolver as preguntas de maneira breve e concisa”.

Toda a información sobre a campaña: https://concellodebueu.gal/24-de-outubro-dia-das-bibliotecas/