Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu anuncia as propostas gañadoras do I Certame de decoración ‘Bueu, sente o Nadal’

  • Este concurso iniciouse este Nadal co obxectivo de dinamizar a colaboración veciñal e reforzar o ambiente festivo da vila durante as festas
  • O consistorio reparte 1.500 euros en tres categorías, que son individual, colectiva ou de escaparates comerciais e hostalaría

O Concello de Bueu reuniu este martes, 2 de xaneiro, ao xurado do I Certame de decoración ‘Bueu, sente o Nadal’ e elixiu as propostas gañadoras nas categorías de individual, colectiva e de escaparates comerciais e hostalaría. O salón de plenos foi o espazo elixido para a xuntanza do xurado cualificador, que estivo composto por Carmen García, concelleira de cultura, Isabel Quintás, tenente de alcalde e voceira do PSOE, Elena Estévez, voceira do PP, e dúas persoas representantes do comercio, caso de Ana Ave e Rosa María Carballo.

Ao certame concorreron 28 propostas, e en total outórganse varios premios divididos en tres categorías, entre as que se repartiron 1.500 euros. Na categoría individual o 1º premio foi para Juan Carlos Rey Padín, quen se fai con 200 €, o 2º para Miguel Ángel Fernández Jul, e 100 €, e o 3º para Gonzalo Sampedro Paz e 50 €. Mentres, na categoría colectiva, na que se inclúen asociacións e comunidades veciñais, o 1º premio, dotado con 300 €, foi para a Asociación Cultural Novos Ventos, o 2º de 200 €, para o Edificio Graña, da rúa Castelao 8, e o 3º, de 100 €, para a Anpa Torre Cela. Por último, na categoría de escaparates comerciais e hostalaría, o 1º premio, cunha contía de 300 €, foi para Carma Bueu, o 2º, de 150 €, para Oxford Boutique e o 3º, de 100 €, para Óptica Bueu.

O concurso, que se puxo en marcha este ano, buscaba dinamizar a participación veciñal ao mesmo tempo que se reforza o ambiente festivo da vila nas datas sinaladas. Carmen García, concelleira da área de cultura, salienta que “este ano démoslle un primeiro impulso ao Nadal na nosa vila buscando a implicación social, e agardamos seguir consolidando este certame en vindeiras edicións”.