O Concello de Bueu afianza unha programación de Entroido diversa e para todos os públicos
- Descarga aquí o Programa completo do Entroido 2019
-
O Entroido estará dedicado este ano a Silvino Dopazo “O Cimarrón”, figura emblemática do espírito destas datas
O Entroido de Bueu vén ateigado de actividades para todos os públicos, cun intenso protagonismo para os colectivos, asociacións, asociacións de nais e pais e comparsas da vila que colaboran na programación desta edición. Así o salientou a concelleira de promoción económica e turismo, Silvia Carballo, na rolda de prensa celebrada este martes no salón de plenos da Casa Consistorial, nun acto no que estivo acompañado polo alcalde da vila, e polos diversos colectivos.
O Entroido deste ano dedicarase a Silvino Dopazo “O Cimarrón”, unha das persoas máis destacables no impulso desta festa, xa que foi fundador da comparsa As Pirilleiras no ano 1963. Por este motivo, a programación iníciase este venres coa exposición fotográfica arredor da figura de Silvino que se poderá ver no Estaleiro da Banda do Río, na que se atoparán as tradicionais letrillas, fotos do arquivo familiar do homenaxeado, recortes de xornais etc. Esta complementarase con outra mostra, organizada pola Asociación Veciñal da Banda do Río, que xirará arredor da evolución das comparsas de Bueu e o Entroido no barrio.
O sábado 23 de febreiro, ás 21.00 h celebrarase un coloquio arredor do homenaxeado no Centro Social do Mar na que participarán Arturo Sánchez Cidrás, historiador local, a familia de Silvino e antigos membros das Pirilleiras e de Xarangallo Mangallo.
Celso Dopazo, fillo do homenaxeado, destacou que “é un acto que xa merecía moitos anos antes porque o Entroido de Bueu vai asociado sempre co nome de Silvino”, aspecto que tamén salientou o alcalde da vila, que mostrou o orgullo de todo o goberno local por recuperar as tradicións e “por homenaxear a persoas que coas súas accións tamén nos van modelando como pobo”.
Outro dos puntos fortes do Entroido será, ao igual que o ano pasado, a actuación das comparsas nas sesións vermú durante as fins de semana na carpa da Praza Massó, onde as persoas asistentes poderán ver en directo a Os Mulos, Vou nun bou, As Faltriqueiras, Os do Pinsel e Os Kantaclaro (os sábados a partir das 12.30 e os domingos ás 13 h).
Para os máis pequenos e pequenas da casa organízanse obradoiros infantís con xogos, elaboración de máscaras e diversas propostas relacionadas con estas datas, e que se celebrarán do 4 ao 6 de marzo, entre as 11 e as 13 h na carpa da Praza Massó. Poderán participar nenos e nenas de 4 a 12 anos.
O 1 de marzo, os colexios sairán nos seus tradicionais desfiles pola vila a partir das 11 h, e pola tarde, a partir das cinco, Marc Taeger impartirá un obradoiro de decoración da carpa do Entroido para pequenos/as e maiores.
O sábado 2, ás cinco da tarde organízase un concurso gastronómico de Entroido para xubilados e pensionistas no Centro Social do Mar, a cargo do Club de Xubilados, e na carpa terá lugar un baile e concurso de disfraces infantil organizado polo Concello e a Deputación de Pontevedra. A partir das nove da noite será a quenda do baile e concurso de disfraces de adultos, con vales de compra para os dous primeiros clasificados nas categorías de individual, grupo e parella.
O luns 4, a partir das 20 .00 h, a Asociación Veciñal da Banda do Río organiza un baile de bascalleiros na pista do barrio.
O 5 de marzo, as actividades trasládanse á Casa da Aldea de Meiro, onde a partir das catro se celebrará a tradicional Filloada, con elaboración, degustación e actuación das comparsas. Ademais, tamén se desenvolverá un obradoiro de máscaras e contacontos con Marc Taeger.
O 6, amais do tradicional Desfile do Enterriño da Sardiña que sairá da Praza Massó ás cinco, celebrarase un concurso de disfraces na pista da Banda do Río.
O venres desa semana, a carpa do Entroido acolle unha festa infantil de disfraces e pola noite, unha festa swing na pista da Banda do Río, ademais do tradicional XXXIX Festival de Comparsas no Centro Social do Mar organizado polo Bueu Atlético Balonmán.
O sábado terá lugar ás cinco da tarde unha filloada na Banda do Río e un pasarrúas e actuación da Asociación de Percusionistas Aperta con saída do Porto de Bueu.
O domingo 10 celebrarase o Desfile do Enterro do Paxaro de Mal Agoiro. A saída será ás cinco e incluirá a queima do paxaro, o recoñecemento ao labor polo Entroido de Bueu a Silvino, a entrega de premios e a posterior actuación das comparsas. E para as persoas xubiladas e pensionistas, baile de Entroido no Centro Social do Mar ás 19 h.
E como peche de toda a programación, o 15 celebrarase o Festival de Comparsas na Casa do Pobo de Beluso e o 16 no Centro Social do Mar.
Na programación colaboran a Deputación de Pontevedra, a Asociación Veciñal da Banda do Río, a Asociación Veciñal A Morada, o Bueu Atlético Balonmán, O Club de Xubilados e Pensionistas Vila de Bueu, as comparsas, as anpas da vila, FECIMO e Marc Taeger.
Aberto o prazo para os premios do Entroido
Por outra banda, o Concello de Bueu mantén aberto o prazo de inscrición nos premios de Entroido ata o 28 de febreiro. Os premios repartirán 6000 e, ao igual que na pasada edición, as agrupacións de máis de quince compoñentes recibirán unha cantidade fixa por participar. Concretamente, destinaranse 350 euros ás comparsas de Bueu que formen parte dos actos programados ao longo de todo o Entroido, 150 euros para as agrupacións de Bueu que participen no desfile do Enterriño da Sardiña e teñan máis de quince compoñentes, e 120 euros para aquelas que participen no Enterro do Paxaro de Mal Agoiro e estean compostas por máis de quince persoas.
A maiores, estableceranse os seguintes premios para os participantes no Enterro do Paxaro de Mal Agoiro: premios ás comparsas de Bueu (100 euros para o 1º e 50 euros para o 2º), premios ás agrupacións de máis de 15 compoñentes (1º dotado con 250 euros, o 2º con 175 euros, e o 3º con 100 euros), premios ás agrupacións de entre tres e quince compoñentes (100 euros o 1º premio, e 80 euros o 2º), premios ás parellas (100 euros o 1º premio, e 80 euros o 2º), e premios individuais ( 80 euros o 1º e 50 euros o 2º).
Bases aquí.