O Concello de Bueu adquire sete novos desfibriladores para mellorar a seguridade nas instalacións municipais
O Concello de Bueu vén de adquirir sete novos desfibriladores cos que se incrementará a seguridade de instalacións municipais como a Casa do Concello e a Policía Local, e que se suman aos cinco dos que xa se dispón. Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, recibiron esta semana o subministro no que se investiron arredor de 9.000 euros de fondos propios.
Segundo avanza a concelleira, “o primeiro paso foi a compra, e a continuación daremos de alta os desfibriladores no rexistro oficial, ademais de impartir un curso de formación homologado a mediados de agosto”. Este curso destínase a colectivos deportivos, persoal da Policía Local e outras persoas vinculadas coa seguridade municipal, e o encargado de dar a formación será Emilio Aguete, técnico de emerxencias.