Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu abre o prazo para os Premios Johán Carballeira de Poesía e Xornalismo

O Concello de Bueu vén de convocar os Premios Johán Carballeira de Poesía e Xornalismo, cuxo prazo de presentación de traballos estará aberto ata o 31 de xaneiro de 2022, e que contarán cunha dotación económica de 1500 € para ambas categorías amais da publicación no caso do de poesía, tal e como vén sendo habitual, por parte da Editorial Xerais.

As persoas que desexen participar poderán facelo a través de dúas formas: mediante o envío do traballo en papel ou en formato dixital, tal e como se establece nas bases publicadas na páxina web do Concello de Bueu.

Estes premios naceron coma unha homenaxe ao político, poeta e xornalista bueués, José Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johán Carballeira. O certame celebra este ano a vixésimo quinta edición na categoría de poesía e a décimo novena na de xornalismo. Na última convocatoria resultaron gañadores Xandra Táboas e Adrián Mosquera polo poemario Dou aulas de ioga por videoconferencia e Marta Veiga pola reportaxe “Cantigas para despois dunha pandemia”.

O certame, que xa conta con moita historia, ten galardoado na categoría de xornalismo a persoas como Francisco Seoane Pérez, Óscar Curros Moure, Moncho Paz, Cristian López Iglesias, Arturo Sánchez Cidrás, Antón Lopo, María Obelleiro, Montse Dopico, Nieves Neira, entre outr@s; e na categoría de poesía, a poetas tan recoñecidos como Xosé Carlos Caneiro, Yolanda Castaño, Xurxo Alonso, Mario Regueira, Berta Dávila, María Carmen Caramés, Ismael Ramos, Pura Tejelo, María Reimóndez, Daniel Asorey, Marcos Abalde…

As bases poden consultarse a continuación:

XXV PREMIO JOHÁN CARBALLEIRA DE POESÍA:

XIX PREMIO JOHÁN CARBALLEIRA DE XORNALISMO: