O Concello de Bueu abre o prazo para a selección dun arquitecto/a superior

  • As persoas interesadas en participar no procedemento selectivo deberán entregar a solicitude do 22 de outubro ao 22 de novembro

O Concello de Bueu pon en marcha o procedemento de selección para cubrir en réxime de interinidade a praza de arquitecto/a superior que se atopa vacante. As persoas interesadas en concorrer poderán presentar as solicitudes dende o 22 de outubro ao 22 de novembro, despois de que se publicase o anuncio no Diario Oficial de Galicia. Esta convocatoria ábrese logo de que o anterior arquitecto municipal rematase a comisión de servizos durante dous anos.

Segundo se indica nas bases, o arquitecto ou arquitecta ten entre as súas funcións a emisión dos informes, propostas, estudios e demais de carácter técnico precisos dentro da súa competencia. Tamén realizará informes de licenzas de obras, e demolicións, redacción e dirección de obra de proxectos de obras de promoción pública vinculadas co Concello, redacción e tramitación de expedientes de modificación e revisión do planeamento xeral e de desenvolvemento que corresponda e Instrumentos de Xestión urbanística, así como outros informes técnicos de disciplina urbanística da súa competencia.

No proceso de selección valoraranse a formación académica e complementaria e a experiencia profesional, e despois deberán superarse tres probas na fase de oposición. A primeira delas, de tipo teórico, consiste nun cuestionario tipo test de cincuenta preguntas relacionadas co temario e as materias incluídas nas bases, e a segunda é práctica, e nela as persoas aspirantes deberán resolver un ou varios supostos prácticos, o que permitirá avaliar a capacidade para desenvolver as tarefas relacionadas co posto de arquitecto/a. Na terceira e última comprobarase o coñecemento da lingua galega, polo que se proporá a tradución directa ou inversa dun texto en castelán ou galego.

Este procedemento tamén permitirá elaborar una listaxe de reserva ou agarda coa que se poderían cubrir necesidades de emprego de carácter interino ou temporal.

As bases completas e a solicitude atópanse na web municipal www.concellodebueu.gal.