O Concello de Bueu abre o prazo do X Certame de Relatos de Muller Matilde Bares

  • O concurso iniciouse no 2005 coma unha homenaxe á mestra Matilde Bares e para reflexionar sobre a igualdade e a violencia de xénero

  • Os orixinais entregaranse antes do 30 de decembro e o gañador/a farase cun premio de 1500 €

O Concello de Bueu abre o prazo para participar no X Certame de Relatos de Muller Matilde Bares, que se estende ata o 30 de decembro. O extracto das bases publicouse este martes no Boletín Oficial da Provincial, polo que a partir de mañá xa se poderán presentar relatos en lingua galega que traten temas relacionados co fomento da igualdade entre mulleres e homes, a corresponsabilidade nas obrigas familiares e sociais ou a violencia de xénero.

Segundo establecen as bases, os orixinais poderán presentarse por dúas vías: ou ben no Rexistro Xeral do Concello, a través dun sobre no que se fará constar “X Concurso de Relatos de Muller Matilde Bares”, ou por correo postal, tamén co mesmo título no sobre con inclusión do selo que certifique a data de envío. A persoa gañadora farase cun premio de 1500 € e os criterios que valorará o xurado serán: a orixinalidade no tratamento do tema, a reinterpretación dos roles sexistas e os estereotipos que afectan á imaxe da muller na literatura, cine, televisión ou medios de comunicación, os micromachismos e a igualdade laboral.

O premio rende unha homenaxe a Matilde Bares, mestra de labor recoñecida que se esmerou na preparación de ata tres xeracións na vila morracense, ademais de organizar actividades culturais e grupos de teatro. Nos seus inicios, este concurso erixiuse como unha referencia no sector literario, e ten premiado a persoas destacables no campo da cultura e a novas voces. Precisamente, o venres 22 de marzo, María López Correa, a gañadora da pasada edición recollerá o premio ás 19.30 h nun acto que se celebrará no salón de plenos da Casa do Concello.

BASES X CERTAME RELATOS MULLER MATILDE BARES

Publicación bases no BOPPO

Extracto bases BOPPO