O Concello de Bueu abre o prazo de presentación de propostas para o concurso de ideas da Banda do Río
- O anuncio publicouse na Plataforma de Licitación do Sector Público e o prazo esténdese ata o 20 de maio
- O certame permitirá deseñar as liñas de actuación no barrio cun especial fincapé nas políticas de accesibilidade e de mobilidade
Despois de varios anos de agarda e de superar diversos atrancos administrativos, o Concello de Bueu lanza o concurso de ideas da Banda do Río, co que se revitalizarán e mellorarán as condicións de vida neste barrio mariñeiro. Tras a aprobación das bases do certame por resolución da alcaldía o pasado venres, este martes publicouse o anuncio na Plataforma de Licitación do Sector Público, e as empresas disporán de prazo ata o 20 de maio para enviar as súas propostas.
O concurso de ideas supón un paso importante para o Concello, e recolle as múltiples sensibilidades do barrio, tal e como foran acordadas hai anos nas diversas mesas de seguemento coas partes implicadas, é dicir, a Plataforma Veciñal da Banda do Río e a Asociación Veciñal da Banda do Río, colectivos cos que, por certo, se manterá un novo encontro o próximo mércores, 28 de febreiro, ás 19 horas, no salón de plenos. Así, o certame, cuxas bases se poderán consultar na Plataforma de Licitación, con acceso dende a web municipal, permitirá contar con propostas para que este céntrico espazo se sitúe á vangarda no fomento de políticas de accesibilidade e de mobilidade.
Entre as principais liñas de actuación a ter en conta están a seguridade viaria, un maior tratamento dos aparcadoiros, a renovación das edificacións, de servizos, de iluminación e tratamento do contacto coas vías e coa praia etc.
O concurso é posible grazas a un convenio asinado co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) e nel van poder participar equipos compostos por profesionais con competencias na materia de ordenación urbanística e medioambiental. O xurado estará composto por persoas vinculadas ao sector da arquitectura e da enxeñería, polo que se valorarán as propostas dende o punto de vista técnico. E o ámbito de localización comprende o cuadrilátero delimitado polas rúas Johan Carballeira, ata Can do Penedo, incluíndo ambos os lados da Avda Montero Ríos e da rúa Pazos Fontenla, cunha superficie aproximada de 61.500 metros cadrados.
O Concello investirá 38.000 € en premios, sendo a proposta gañadora a que se encargaría da redacción do proxecto e que se faría con 20.000 €. O segundo premio estará dotado con 10.000 €; e o terceiro, con 5.000 €. Ademais contémplanse dous accésits, cuxas contías serán de 2.000 € e de 1.000 €, respectivamente.
Unha vez elixida a proposta gañadora, nas bases tamén se establece que se adxudicará o Plan Director de intervención urbana, por un importe de 42.068,88 €, IVE engadido.