Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu abre o prazo de licitación para a obra de mellora da Biblioteca Municipal Torrente Ballester

  • A actuación, cun orzamento de 919.559 euros, consistirá na transformación deste espazo tanto a nivel arquitectónico como de usos e servizos

O Concello de Bueu vén de abrir o prazo de licitación da obra de mellora da Biblioteca Municipal Torrente Ballester, polo que as empresas interesadas disporán ata o 28 de xuño para a presentación das súas ofertas. O proxecto ascende a 916.559,80 €, IVE engadido, e a actuación levarase a cabo co financiamento do Plan ReacPon e do Plan Concellos 2022 da Deputación Provincial de Pontevedra.

Tal e como explicaron hai meses Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Alberto Moital, concelleiro de bibliotecas, esta ambiciosa obra suporá melloras tanto a nivel arquitectónico como de conceptos. O proxecto adaptarase ás esixencias dunha biblioteca do século XXI nos seus usos e servizos, buscando resolver ademais as problemáticas detectadas a nivel estrutural do edificio, cunha especial atención á mellora da accesibilidade e seguridade de todas as persoas, e á eficiencia enerxética.

A intervención servirá para ampliar o edificio actual, situado no corazón do Parque Ramal dos Galos, engadindo unha planta adicional de 360 metros cadrados de superficie, que ademais permitirá trasladar o Arquivo Municipal, actualmente localizado en Cela, ao centro bueués. O proxecto prevé que a planta baixa manteña as dependencias da biblioteca, que se ampliarían con sala de estudos, de informática e polivalentes. Trátase, pois, dunha reforma profunda nun edificio de máis de trinta anos e que servirá tamén para resolver os problemas de mobilidade e accesibilidade entre as diferentes plantas, ao incluír o proxecto a dotación dun ascensor.

A biblioteca erixirase coma un gran centro de coñecemento con varios espazos: de aprendizaxe e descubrimento (formación, auto aprendizaxe, adquisición de competencias dixitais…), inspirador (acceso á cultura, mediateca, literatura ou divulgación científica),  de reunión e encontro (conferencias, charlas e zonas de lecer), e de creación (obradoiros, formación e outros cursos). Segundo salienta o rexedor “queremos que a biblioteca sexa un motor que siga dinamizando a nosa vida cultural e adaptado ás esixencias e demandas do século XX”.  

O anuncio e toda a información atópase na Plataforma de Contratación do Sector Público, con acceso dende a web municipal.