O Concello de Bueu abre o prazo de inscrición dos obradoiros de memoria para persoas maiores

  • As persoas interesadas deberán entregar a solicitude entre o 10 e o 24 de novembro no Rexistro Xeral do Concello

Despois da ausencia no ano da Covid-19, o Concello de Bueu reanuda agora os obradoiros de memoria para maiores, un proxecto que se insire no marco do fomento das políticas sociais activas. Dende o Departamento de Benestar Social anuncian que o prazo de inscrición estará aberto do 10 ao 24 de novembro, e as persoas interesadas deberán entregar a solicitude no Rexistro Xeral do Concello ou a través da Sede Electrónica.

Nesta edición, cuxo inicio está previsto para o 1 de decembro, programaranse catro grupos, que se dividirán entre o Centro Social do Mar de Bueu e a Casa do Pobo de Beluso. A iniciativa, que forma parte da implementación de políticas sociais activas do goberno local bueués, ten como obxectivos o fomento do envellecemento activo, o aumento na calidade de vida, o coñecemento de novas actividades de ocio e tempo libre, a mellora nas relacións sociais, etc. Tal e como apunta Ana Isabel Otero, concelleira de benestar social e igualdade, “estes obradoiros son agora máis necesarios ca nunca, sobre todo porque tras a pandemia se agravou o illamento social e o deterioro da saúde mental das persoas”.

Os talleres serán impartidos, como é habitual, polo Centro de Día Pescadoira e Centro de Día Contigo, ambos de Bueu. A través deles, as persoas participantes seguirán as propostas de Estimulación Cognitiva, que buscan intervir nas funcións intelectuais que se poden ver afectadas nas persoas maiores. Así, realizaranse tarefas de debuxo, de construción de modelos, de xestos e mímica, de praxias cognoscitivas, actividades con música, exercicios sensoriais, e outros de relaxación e respiración. Todas elas ofrecen unha perspectiva integral ara lograr un envellecemento activo.