O Concello de Bueu abre o prazo da segunda licitación das obras de mellora da Biblioteca Torrente Ballester
- As empresas poderán presentar as ofertas ata o 30 de marzo, e o novo orzamento ascende a 1.108.321,90 €, IVE engadido
O Concello de Bueu abre o prazo da segunda licitación do expediente de contratación da obra da biblioteca Torrente Ballester, despois de que o primeiro tivese que revisarse debido á suba dos prezos de mercado. O novo orzamento para acometer esta obra, que se financiará con cargo ao plan Reacpon da Deputación Provincial de Pontevedra, ascende a 1.108.321,90 €, IVE engadido, e as empresas disporán de prazo ata 30 de marzo. O Concello xa levara a cabo unha licitación anterior, pero a adxudicataria presentou a súa renuncia debido á alza e incremento dos custes de produción, motivo polo cal houbo que modificar o proxecto e aprobalo de novo no pleno.
Esta actuación pretende adaptar a biblioteca ao século XXI nos seus usos e servizos, buscando resolver ademais as problemáticas detectadas a nivel estrutural do edificio, cunha especial atención á mellora da accesibilidade e seguridade de todas as persoas, e á eficiencia enerxética.
A intervención servirá para ampliar o edificio actual, situado no corazón do Parque Ramal dos Galos, engadindo unha planta adicional de 360 metros cadrados de superficie, que ademais permitirá trasladar o Arquivo Municipal, actualmente localizado en Cela, ao centro bueués. O proxecto prevé que a planta baixa manteña as dependencias da biblioteca, que se ampliarían con sala de estudos, de informática e polivalentes. Trátase, pois, dunha reforma profunda nun edificio de máis de trinta anos e que servirá tamén para resolver os problemas de mobilidade e accesibilidade entre as diferentes plantas, ao incluír o proxecto a dotación dun ascensor.
A biblioteca erixirase coma un gran centro de coñecemento con varios espazos: de aprendizaxe e descubrimento (formación, auto aprendizaxe, adquisición de competencias dixitais…), inspirador (acceso á cultura, mediateca, literatura ou divulgación científica), de reunión e encontro (conferencias, charlas e zonas de lecer), e de creación (obradoiros, formación e outros cursos).
Toda a información atópase na Plataforma de Licitación de Contratos do Sector Público, con ligazón dende a web municipal.