Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu abre a consulta pública previa ao regulamento de réxime interno da piscina

  • O prazo para o envío de suxestións por parte da cidadanía esténdese ata o 3 de xuño
  • A previsión do goberno local é aprobar este regulamento e posteriormente licitar o contrato da piscina para ampliar os horarios e os servizos

O Concello de Bueu continúa traballando nas propostas de consulta pública de cara á creación de novos regulamentos e ordenanzas e na actualización dalgúns que quedaran obsoletos, tal e como se acordou tras a aprobación do Plan Normativo no pleno do mes de abril deste ano. Así, no Taboleiro de Anuncios da Sede Electrónica publicouse un anuncio para que as persoas que o desexen poidan presentar propostas previas á elaboración e aprobación do Regulamento de Réxime Interno da Piscina Municipal Cuberta de As Lagoas.

Os cidadáns e cidadás, organizacións e asociacións disporán de prazo ata o 3 de xuño para achegar as súas opinións, trámite que poderán realizar mediante a presentación da instancia correspondente que se atopa no Catálogo de Trámites da sede electrónica do Concello de Bueu.

O Concello de Bueu ten aberta desde abril de 2021 a piscina municipal cun horario reducido e prestando tan só os servizos de natación no vaso nun total de 42 horas semanais de luns a sábado e a realización das clases de ximnasia municipais dentro das súas instalacións.

A previsión do goberno municipal é sacar a licitación o servizo completo da piscina, cun maior horario e unha maior amplitude de servizos tanto no vaso da piscina como nas diferentes salas que integran esta infraestrutura deportiva, tales como clases dirixidas e disposición dunha sala de musculación e da sauna.

Ademais tamén se pretende establecer posteriormente unha ordenanza fiscal reguladora para levar a cabo o cobro polo uso das instalación, sen esquecer as normas de utilización e o réxime de sancións, entre outros.

Así, pois, o obxectivo deste texto é dotar á piscina municipal de As Lagoas dun regulamento de réxime interno no que se  establezan as condicións dos servizos a prestar e as condicións do mesmo para poder licitar a través dun contrato de prestación de servizos a xestión deportiva, o mantemento e a limpeza das instalacións. Entre os aspectos que se regularán están as disposicións xerais que establezan o obxecto, o ámbito e a descrición das instalacións; os dereitos, as obrigas, as definicións, os accesos e as inscricións das persoas usuarias; a normativa de uso dos diferentes espazos das instalacións; e o procedemento sancionador en caso de incumprimentos.