Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu abre a consulta pública previa á modificación do regulamento do mercado de abastos

  • Esta normativa renovará a de 2002 e as persoas ou colectivos poderán presentar as súas suxestións ata o 9 de setembro

O Concello de Bueu continúa traballando nas propostas de consulta pública de cara á creación de novos regulamentos e ordenanzas e na actualización dalgúns que quedaran obsoletos, tal e como se acordou tras a aprobación do Plan Normativo no pleno do mes de abril deste ano. Así, no Taboleiro de Anuncios da Sede Electrónica publicouse un anuncio para que as persoas que o desexen poidan presentar propostas previas á elaboración e aprobación do Regulamento do servizo do mercado municipal de abastos, co que se renovará o do ano 2002.

Os cidadáns e cidadás, organizacións e asociacións disporán de prazo ata o 9 de setembro para achegar as súas opinións, trámite que poderán realizar mediante a presentación da instancia “Participación na Elaboración de Normativa (Aprobación do regulamento do servizo do mercado municipal de abastos)” que se atopa no Catálogo de Trámites da sede electrónica do Concello de Bueu.

O Concello de Bueu dispón dunha Praza de Abastos con moito dinamismo que se sitúa entre as mellores e máis valoradas non só da provincia de Pontevedra senón tamén alén do territorio. Nela existen postos de venda de peixes e mariscos, carnes, froitas e legumes, panadarías etc, e o que pretende esta normativa é actualizar a do ano 2002 para así actualizar o réxime de concesións.

Dende hai moitos anos, o Concello de Bueu organiza diversos mercados ambulantes semanais, nos que se ofrece tamén a venda de produtos do campo. O regulamento actualmente en vigor está moi obsoleto e non dá resposta ás novas demandas tanto do colectivo de vendedores e vendedoras como das persoas consumidoras.

Con esta normativa, o que se pretende é establecer as condicións para dispoñer dos postos da Praza de Abastos e as obrigas dos mesmos e do Concello de Bueu como unidade administradora, sen esquecer as normas de utilización e o réxime de sancións, entre outros.

O anuncio de consulta pública atópase na páxina web municipal  (www.concellodebueu.gal) xunto a un borrador da ordenanza. Pero non é a única normativa que está sometida a consulta pública, pois ata o 31 de agosto tamén se poderán presentar suxestións para a modificación da regulamento do mercado ambulante. Pola súa banda, a ordenanza de terrazas xa rematou ese trámite previo de consulta pública e levarase ao pleno en canto sexa posible para a aprobación inicial.