O Concello continúa coas xornadas de convivencia que traerán bailes e un magosto para as persoas maiores
- As actuacións musicais celebraranse todos os domingos entre as 19 e as 21 horas na Sala Multiusos do Centro Social do Mar
- Estas actividades buscan fomentar políticas activas para o envellecemento de calidade das persoas maiores
O Concello de Bueu continúa coas xornadas de convivencia e programará varias actuacións de bailes para as persoas maiores e un magosto. Os bailes terán lugar todos os domingos entre as 19 e as 21 horas na Sala Multiusos do Centro Social do Mar, tal e como informou Xosé Leal, concelleiro de cultura, na rolda de prensa na que estivo acompañado de Félix Juncal, alcalde da vila, Ana Isabel Otero, edil de benestar social e igualdade, e de José Cabanelas e Israel Otero, da directiva do club de Pensionistas e Xubilados Vila de Bueu, que colaboran co evento.
O programa arrancará xa o próximo domingo, 16 de outubro, coa actuación de Dúo Latino, e continuará o 23 con Amistad, o 30 con Distrito 7 e o 6 de novembro con La Rosa. Así mesmo, e segundo se avanzou, arredor da festividade de San Martiño tamén se organizará un magosto para que as persoas maiores poidan gozar dunha das festas con máis tradición na nosa vila.
As Xornadas de Convivencia xa se iniciaron a comezos do verán cunha serie de actividades que tiñan como fin ofrecer alternativas de lecer e de hábitos saudables para a poboación da terceira idade. De aí que se programasen unha charla sobre os obradoiros de memoria, xogos populares e petanca, e actuacións musicais.
Esta iniciativa forma parte dun programa organizado anualmente co obxectivo de fomentar políticas sociais activas para o conxunto da cidadanía. Con esta causa está moi comprometido o goberno local e por iso, xa dende hai moitos anos, impártense ximnasias de mantemento para persoas maiores, que se complementan cos obradoiros de memoria.