Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello acomete a mellora integral do Parque de Rodeira, na zona do Río

  • Entre as actuacións a levar a cabo están a substitución do pavimento do chan por un de xabre, a reparación dos bambáns, a limpeza cun sistema de auga a presión e a poda das árbores

No marco do plan de mellora dos espazos públicos, o Concello de Bueu comezou estes días coa actuación no parque de Robeira, situado no lugar do Burgo, na parroquia de Cela. Despois dos arranxos xa levados a cabo no parque da Barraca, Félix Juncal, alcalde de Bueu e encargado da área de obras e servizos, visitou esta mañá o lugar do Río para ver as obras.

Neste parque estase substituíndo a capa de terra vexetal por unha de xabre. O rexedor salienta que “o Concello quere seguir tentando que os espazos públicos que se atopan en áreas rurais estean o máis naturalizadas posibles, aínda que somos conscientes de que o mantemento é dificultoso en ocasións, e de feito esta substitución pretende paliar estas eivas no estado de conservación”. Así mesmo, o Concello tamén reparará os asentos dos bambáns, que foron “substraídos, unha vez máis, por algunha persoa que non respecta os elementos públicos que son para o uso e goce de toda a cidadanía”, en palabras de Juncal.

E por último, neste lugar tamén se fará unha limpeza con sistema de auga a presión na zona dos asadores e mesas, e podaranse as árbores, ademais de intentar recuperar a auga da fonte, unha iniciativa esta que se suma ás xa levadas a cabo polo goberno local para a recuperación dos recursos hídricos dos diversos lugares da vila.