O Concello continúa coas obras de mellora na Nave de Deportes Náuticos de Pescadoira
O Concello de Bueu segue apostando pola mellora nas infraestruturas deportivas. Tal é o caso da Nave de Deportes Náuticos de Pescadoira, onde esta semana comezaron os traballos de demolición previos ao acondicionamento e mellora do ximnasio que vén utilizando o Club do Mar Bueu- Teccarsa. Ata as obras, que se están levando a cabo con recursos municipais, desprazáronse hoxe Félix Juncal, alcalde de Bueu, Julio Villanueva, vicealcalde, Ricardo Verde, concelleiro de deportes, e Alfredo de la Campa, arquitecto técnico municipal. Segundo salientou o rexedor, a actuación consiste na demolición da parte central da nave para mellorar e ampliar o ximnasio. Ademais, como os baños se fixeron fai meses no andar segundo, o espazo de abaixo pode destinarse tamén para o acopio de material.
Estas obras únense á recentemente rematada mellora da accesibilidade ás praias de Petís e Pescadoira, subvencionada pola Axencia Galega de Turismo da Xunta de Galicia e con cargo aos remanentes do Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra, e que permitiu pavimentar con formigón impreso arredor de 780 metros cadrados na contorna da nave. Con esta actuación mellorouse a accesibilidade a estes dous areais situados no centro da vila e moi visitados pola cidadanía local e tamén polas persoas que nos visitan ano a ano. Así mesmo, serve para modernizar urbanisticamente o entorno ata convertelo nun elemento potenciador do extreme este do paseo marítimo, e para poñer en valor as instalacións deportivas co fin de contribuír á promoción e desenvolvemento do deporte náutico.
Remate pasarela pavillón
Esta semana quedará rematada tamén a pasarela que se está construíndo no Pavillón Municipal Pablo Herbello para mellorar a accesibilidade. Esta actuación, que conta cunha subvención da Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia e dos remanentes do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, foi adxudicada á empresa Aluminios Os de Casas, por un importe de 20.416,33 €, IVE engadido. A actuación consiste na colocación dunha pasarela dende a intersección de Staffan Mörling e a rúa A Pedra, cun tramo exterior e outro interior. Segundo o proxecto, a pasarela exterior abarca unha superficie de 35 metros cadrados, e a interior, 29,4 metros cadrados, das cales a empresa xa instalou practicamente a totalidade.