O Concello continúa co plan de mantemento das vías municipais
- O goberno local inviste neste plan, que arranxará fochancas en camiños municipais das tres parroquias, preto de 15.000 euros
- Félix Juncal, alcalde de Bueu, salienta que “esta liña de traballo dos últimos anos do goberno local permite que a día de hoxe o estado de conservación das vías municipais mellorase considerablemente, aínda que queda traballo por facer”
Como cada ano, o Concello de Bueu continúa co plan de mantemento de vías municipais, no que se están levando a cabo reparacións dalgúns viais públicos das tres parroquias. Félix Juncal, alcalde da vila e concelleiro de obras e servizos, salienta que “pesar de que as condicións meteorolóxicas non deterioraron ultimamente demasiado os camiños da rede viaria municipal, si que tiñamos algúns pendentes algúns de finais do ano 2021”. E por iso se contrataron estes traballos coa empresa Construcións, Obras e Viais SA (COVSA), cun importe de preto de 15.000 euros.
As obras deste plan anual de mellora de acceso aos núcleos de poboación estase a complementar con outras actuacións como o pavimentado de varias rúas do casco urbano ou as do Camiño Vello da Graña. Así mesmo, proximamente licitarase a mellora de firme e instalación dunha rede semafórica no cruce entre as rúas Johan Carballeira e Pazos Fontenla, e o goberno local está ultimando os proxectos de pavimentación de máis camiños municipais para incorporar ás subvencións do Plan Concellos 2022 da Deputación de Pontevedra e ao plan marco da AGADER.
O alcalde valora que “esta liña de traballo dos últimos anos do goberno local permite que a día de hoxe o estado de conservación das vías municipais mellorase considerablemente, aínda que queda traballo por facer”. Así mesmo, o rexedor aproveita a ocasión para requirir ao resto de administracións públicas, como a Consellería de Infraestruturas da Xunta de Galicia, Portos de Galicia, e Deputación de Pontevedra, titulares doutras estradas na vila, para que acometan as melloras necesarias, demandas que lles trasladará nas próximas semanas. “´É necesario que as distintas administracións se encarguen de implementar as melloras e mantemento nas súas estradas, renovación da sinalización, medidas de seguridade vial, a poder ser, antes da tempada estival”, apunta Juncal, quen xa avanza que “este ano agardamos contar coa mellora integral da rúa Pazos Fontenla, na PO-315, de titularidade autonómica”.