O Concello continúa co plan de conservación e mantemento das fontes e lavadoiros municipais
- Estes días culminarán os traballos de renovación do lavadoiro e da fonte na Fontenova, no lugar de Montemogos
A brigada de obras e servizos municipal do Concello de Bueu, co reforzo do persoal do Plan de Emprego, continúa estas semanas con diversos traballos de acondicionamento dos espazos públicos. Así, nas semanas previas comezaron coas accións de mellora do entorno do lavadoiro e da fonte coñecida como ‘Fontenova’, situada no lugar de Montemogos, na parroquia de Beluso. Os traballos consistiron na reparación da pía do lavadoiro, na limpeza e formigonado da contorna, na instalación de reixas en varios puntos dos viais colindantes, e completarase coa colocación de bancos para a utilización por parte da veciñanza.
Félix Juncal, alcalde de Bueu, realizou unha visita ás obras esta semana e tamén avanzou que “se aproveitará para reubicar os colectores nunha zona de maior visibilidade e sobre pavimento, que reducirá o mantemento de cara ao futuro”. Nos próximos días culminarase esta actuación co pintado das columnas e da estrutura da cuberta do lavadoiro.
No marco do plan de conservación e mantemento das fontes e lavadoiros, o persoal de cantería e albanelería municipal trasladarase a continuación á zona de Xexide, onde repararán o lavadoiro e a fonte, e despois, ao da zona de Portas, no vial que vai do Outeiro á Barraca.
Juncal salienta a preocupación constante do goberno local polos espazos públicos e os servizos do rural, e tamén polo patrimonio. Nesa liña traballouse coa rehabilitación o pasado ano dos lavadoiros do Mieliño, A Graña e Banda do Río. Así mesmo, estase preparando unha proposta para colocar algún elemento de identificación homoxéneo para as fontes e lavadoiros nos que se vaia actuando.