O Concello consegue a Bandeira Azul para catro praias, as aulas de Cabo Udra e Agrelo e o sendeiro de Udra

  • O alcalde móstrase satisfeito porque “apostamos polo medio ambiente relacionado co ocio e co lecer, pero tamén co coñecemento e a divulgación”

A Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) vén de anunciar as bandeiras azuis para os areais de España durante este verán. Así, o Concello de Bueu mantén as catro bandeiras azuis nas praias de Area de Bon, Portomaior, Lagos e Lapamán, nas que se valoraron a calidade das augas, a información e educación ambiental, a seguridade, os servizos e as instalacións. Ademais, a vila morracense consegue o distintivo azul para o sendeiro de Cabo Udra e a Aula da Natureza deste espazo, así como para o Centro de Interpretación de Agrelo, inaugurado a finais de 2015 tras ser rehabilitado polo goberno municipal.

O municipio bueués recolle un ano máis os froitos das diversas obras e xestións que se levan realizando para manter este distintivo que concede a ADEAC como un premio aos concellos que realicen unha labor importante no mantemento do patrimonio natural. Neste senso, Félix Juncal, alcalde da vila, móstrase satisfeito “por lograr un ano máis revalidar estes distintivos que confirman a boa saúde dos nosos areais”. Con eles, o goberno local continúa afianzando un modelo de turismo sostible, cunha aposta decidida “polo medio ambiente relacionado co ocio e co lecer, pero sobre todo co coñecemento e a divulgación”.

Aínda que este ano se solicitara tamén este distintivo para a praia urbana de Loureiro e finalmente non se conseguira, permitiu ao Concello testar as posibilidades e as condicións para futuras convocatorias. Iso si, Juncal destaca que “os areais urbanos van mellorando a calidade ano a ano, como acontece en Agrelo e na Banda do Río, onde os resultados analíticos das augas son satisfactorios”.