O Concello comeza cos traballos de acondicionamento do aparcadoiro da rúa A Pedra
- A parcela de 1.300 metros suporá contar con máis de noventa prazas de estacionamento de vehículos nunha zona na que se sitúan moitas infraestruturas
O Concello de Bueu comezou esta semana os traballos de movemento de terras nunha finca de 1.300 metros situada fronte ao Pavillón Municipal Pablo Herbello e que se vai acondicionar como aparcadoiro da rúa A Pedra. Tal e como salienta Félix Juncal, alcalde de Bueu, a obra de mellora integral deste vial supuxo a eliminación das prazas de aparcadoiro en liña, motivo polo cal o Concello decidiu adquirir esta parcela na que, unha vez acondicionada, poderán estacionar máis de noventa vehículos. A finca mercouse por un custe de 31.132,53 euros, que se financiou na súa totalidade con cargo ao Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra.
Ademais desta, o Concello está xestionando a compra doutra parcela que, aínda sendo máis pequena, suporá incrementar notablemente o aparcadoiro desta zona, e que dará servizo ás persoas da rúa e ás usuarias do Pavillón Municipal Pablo Herbello, do CEIP A Pedra, do IES Johán Carballeira, do IES Illa de Ons e mesmo do Centro de Saúde.
Juncal salienta que con esta actuación a rúa loce un aspecto actual e adaptado ás necesidades da cidadanía, no que se mellorou a accesibilidade e a mobilidade dos e das viandantes, e se modernizaron os servizos como a recollida das augas ou a enerxía eléctrica. As obras permitiron, ademais, aumentar os anchos das beirarrúas, suprimir as barreiras arquitectónicas e implementar a sinalización horizontal e vertical. O proxecto foi adxudicado por un importe de 289.902,86 euros, IVE engadido, a Construcciones Obras y Viales SA e realízanse con cargo ao Plan de Remodelación e Mellora da Seguridade dos Viarios Municipais (Plan Depo-Remse) da Deputación de Pontevedra.